1PlenoConcelloZas_09.02.2018

O Concello de Zas esixe que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade na loita contra a vespa velutina

Aprobada coa abstención do PP unha moción para que a Consellería de Medio Rural deseñe un plan de choque contra a praga e dote aos concellos dos medios suficientes

 

A loita contra a avespa velutina foi o tema central do pleno celebrado esta mañá pola corporación do Concello de Zas, no que o BNG e o PP presentaron cadansúa iniciativa ao respecto. A proposta que saíu adiante, coa abstención dos populares, implica que desde o Concello esixiráselle á Xunta que asuma as súas responsabilidades, xa que é a única Administración competente para combater a praga.

Por ese motivo, a corporación municipal de Zas solicita o cese dos cargos políticos responsables da loita contra a velutina dende o ano 2014 até a actualidade, así como o deseño dun plan de choque cun orzamento propio para o loitar contra esta praga. Para o goberno do BNG, as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia, en concreto pola Consellería de Medio Rural, foron unicamente “propagandísticas e insuficientes”. Os nacionalistas consideran que a Xunta de Galicia debe abrir unha liña de axudas específica para os concellos máis afectados, que permita a contratación provisional de profesionais para a retirar os niños e para previr a expansión da praga mentres non se elabora o plan de choque proposto.

Ante a gravidade do asunto, o Goberno do BNG anunciou que ao longo deste 2018 destinaranse fondos municipais para loitar contra a praga polo que está prevista a contratación cunha empresa dun plan centrado na colocación de trampas, na retirada dos niños que supoñan un maior perigo para a veciñanza así como un programa de sesións informativas. Ainda así, Manuel Muíño reiterou que a Xunta seguirá sendo a responsable da retirada dos niños.

O PP propoñía na súa moción, que foi rexeitada, que o Concello de Zas se adherise ao programa de vixilancia e control da velutina da Xunta e que asumise con fondos municipais a eliminación de niños e a adquisición de trampas.  O goberno municipal votou en contra desta moción alegando que unirse a ese programa implica asumir a responsabilidade que lle corresponde á Xunta de Galicia, que, por outra banda, non está a dotar aos concellos colaboradores dos medios que precisan.  “Nós estamos dispostos a colaborar coa Xunta de Galicia na loita contra a vespa velutina pero é competencia súa acabar con esta praga. Ademais consideramos que unha pértega e un traxe, que é o único que lle dan aos concellos colaboradores, non son os medios suficientes para retirar os niños e evitar a expansión desta especie, polo que non vemos vantaxe ningunha en adherirnos a este programa”, sinalou Manuel Muíño, alcalde de Zas.

O pleno tivo unha duración dunha hora, aproximadamente.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

9 Outubro, 2026
O Concello de Zas oponse á decisión do Instituto Nacional de Estatística (INE) de fusionar as mesas electorais da parroquia de Muí...
6 Outubro, 2026
O Centro Sociocultural de Baio inaugurou esta fin de semana unha nova tempada de exposicións despois do parón habitual durante os ...
1 Outubro, 2026
O ciclo ‘Afiando Fouciños’ continuará este venres 2 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Zas, cunha nova sesión dedicada ao...
30 Setembro, 2026
O Concello de Zas retoma, despois do parón do verán, a programación de exposicións do Centro Sociocultural de Baio cunha mostra fo...
23 Setembro, 2026
O ciclo Afiando Fouciños, creado este ano como antesala dos VI Premios Fouciño, botará a andar este sábado 26 de setembro, ás 19:0...
18 Setembro, 2026
.  As Torres do Allo acolleron este xoves a presentación dos VI Premios Fouciño, o festival de curtametraxes que se celebrará...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.