San Cremenzo de Pazos

Parroquia de San Cremenzo de Pazos no Concello de Zas

Situada na parte N. do concello, serve de linde co de Cabana de Bergantiños (parroquia de Santo Estevo de Anos). Dentro do propio concello ten polo E a parroquia de Gándara; polo SE, a de Carreira; polo O, a de Lamas; e, polo NO, a do Allo, o seu anexo.

No Antigo Réxime esta freguesía formaba parte da xurisdición  de reguengo de Soneira. É parroquia matriz do Allo. A súa extensión acada os 11 km2, territorio no que se asentan unicamente tres lugares: San Cremenzo, Daneiro e Castro. No Diccionario P. Madoz citábanse outros dous lugares, hoxe desaparecidos: A Cotela e A Pedra que Tangue.

É unha parroquia eminentemente chá só alterada esta planitude por unha pequena elevación entre as aldeas de Castro e Daneiro por un lado e  Pereiras e Vermello (parroquia de Lamas) polo outro. O seu cume é o Alto de Castro (271 m).

Está atravesada polo río do Porto (ou Grande) con dirección variable pero na que predomina a de leste a oeste. Preto da aldea de Castro xa se ten xuntado co que vén de Mira. Nos seus 5 km aproximadamente dentro da parroquia só descende uns 10 m.

Xeoloxicamente formaría parte da Unidade Malpica-Tui, (UMT) unha banda cunha anchura de entre 4 e 9 km. O seu sector norte vai desde Malpica ata a falla da Fervenza á altura do río Xallas e nel localízanse a maior parte das terras do concello de Zas, – San Cremenzo, entre elas-  entre O Allo e o encoro da Fervenza.

Dentro dos seus topónimos destacamos o de Daneiro, do que non existe ningún outro lugar homónimo nin en Galicia nin no resto de España. A pesar de ter sido apelido fidalgo hoxe non existe no Catálogo dos Apelidos Galegos.

A igrexa presenta planta de salón, formada por unha capela maior cuadrangular e unha nave rectangular; acaroada ó muro norte da capela maior está a sancristía de forma rectangular. O presbiterio cóbrese cunha cimbra de madeira, e a nave cun ceo raso, tamén de madeira. O retablo é de estilo neoclásico en el destacan as imaxes dun san Cremenzo imberbe pero cos atributos papais; unha Virxe do Rosario de mediados do séc. XVIII e un san Marcos.

Érguese, tamén, na parroquia o pazo de Daneiro que é unha ampla casa grande de planta rectangular cunha longa fachada duns 32 m que mira ó nacente. A mansión ten un escudo na fachada, moi desgastado pola erosión, no que aínda se aprecian as armas dos Figueroa (cinco follas de figueira), dos Moscoso (a cabeza de lobo degolada), dos Montenegro (o -M- coroado) e dos Varela (as barras); coróase o brasón cunha estrela de cinco puntas inscrita nun círculo. O seu primeiro dono foi Fernando García de Gomariz.

Hai na parroquia catalogadas tres mámoas; dúas moi preto do desvío da pista que desde Castro vai ata Daneiro e a terceira na paraxe das Landeiras, todas elas moi próximas á aldea de Castro

Conta, igualmente, a parroquia cun castro entre as aldeas de San Cremenzo e Castro á beira do río do Sisto. Desde hai xa algúns anos está a sufrir un grave proceso de deterioro porque se lle desfixeron as defensas na maior parte do seu trazado; só se lle conservan máis ou menos intactas pola beira do río.

Dentro das festividades da parroquia destacaremos a do patrón, San Cremenzo, celébrase o seu día propio, no inverno, o 23 de novembro; non hai ningunha celebración especial. Ó día seguinte tamén se celebra a san Marcos. Outras festas: a Virxe do Rosario (3 de febreiro), o Sacramento (2 de xullo) e a Virxe do Carme (último domingo de xullo). Esta última tivo verbena durante moitos anos. Non hai en ningunha delas celebración especial, na actualidade.

Mapa san cremenzo de pazos

Máis info sobre San Cremenzo de Pazos

Galería de fotos de San Cremenzo de Pazos

Festas en San Cremenzo de Pazos

  • 23 de novembro: San Cremenzo
  • 24 de novembro: San Marcos
  • 3 de febreiro: Virxe do Rosario
  • 2 de xullo: Sacramento
  • Xullo: Virxe do Carme

San Cremenzo de Pazos en Zas Polo Miúdo

Descubre os capítulos adicados á parroquia de San Cremenzo de Pazos na gran obra de Xosé María Lema e Evaristo Domínguez chamada "Zas Polo Miúdo" que constitúe unha pequena enciclopedia sobre o Concello de Zas.

Localización da parroquia de San Cremenzo de Pazos

As parroquias do Concello de Zas

O Concello de Zas está composto por 16 parroquias que conservan a esencia da vida rural galega. Cada unha delas achega tradicións, patrimonio e paisaxe, formando un mosaico diverso que dá identidade e riqueza cultural ao municipio.

Agradecemento especial a Xosé María Lema e Evaristo Dominguez, autores do libro “Zas Polo Miúdo” do cal se extraxeron os textos para realizar os textos de cada unha das parroquias do Concello de Zas.

  • Zas

Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.