CARTEL-ZAS-Zas-presenta-un-Nadal-cargado-de-actividades-e-impulsa-o-seu-campamento-gratuito-ao-servizo-de-todas-as-familias

Zas presenta un Nadal cargado de actividades e impulsa o seu campamento gratuíto ao servizo de todas as familias

O Concello de Zas presenta a súa programación especial de Nadal, unha das máis completas e accesibles da comarca, que combina cultura, tradición, lecer educativo e conciliación familiar. A proposta municipal destaca pola súa ampla variedade de actividades e, sobre todo, polo ofrecemento dun campamento de Nadal totalmente gratuíto, unha iniciativa que diferencia ao concello e que responde á aposta firme por favorecer ás familias.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, subliña que “esta programación busca que ninguén quede atrás no acceso á cultura e ao lecer. Queremos un Nadal para todos e todas, no que Zas volva demostrar que é un concello vivo, dinámico e orgulloso do que ofrece”.

Propostas culturais para todas as idades

A programación dará comezo o 13 de decembro nas Torres do Allo cun obradoiro de elaboración de Bolas de Vancouver ás 16:00 horas e co espectáculo ‘Un saco de contos’, interpretado por Ángeles Goás, ás 17:30 horas.

O 15 de decembro será a quenda do contacontos infantil ‘O que non sabías do Nadal’, a cargo de Os Ratiños de Lonxedetodo. Será na Axencia de Lectura de Baio a partir das 18:00 horas. Este mesmo contacontos celebrarase o día seguinte, o 16 de decembro, na Biblioteca Municipal de Zas a partir das 18:30 horas.

O día 17, o Auditorio de Baio converterase no escenario das funcións escolares da obra ‘Charlatán Rodríguez’, da compañía Culturactiva Producións. Ás 10:30 horas acudirá o alumnado do CPI de Zas e ás 12:30 horas o alumnado do CEIP Labarta Pose.

A programación continuará o 18 de decembro, co contacontos para bebés ‘Contos Miudiños’, espectáculo a cargo de Marisa Irimia programado na Escola Infantil A Galiña Azul de Zas a partir das 10:30 horas. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase o Festival de Nadal da Escola de Música Moderna no Centro Sociocultural de Zas.

Os días 20 e 21 de decembro, a praza Jorge Mira acollerá o Mercado Artesán de Nadal. O sábado abrirá de 11:00 a 22:00 horas e incluirá unha sesión de narración oral con Celso Sanmartín ás 19:30 horas. O domingo estará aberto de 10:00 a 19:00 horas e contará cunha sesión vermú con ‘O Tren da Unha’ ás 13:30 horas, un espectáculo de maxia con O Mago Paco ás 17:00 horas e a visita de Papa Noel ás 18:00 horas. Nesa mesma xornada, o Centro Sociocultural de Zas tamén recibirá O Mago Paco ás 12:00 horas e a Papa Noel a partir das 13:00 horas.

O 27 de decembro, celebrarase o recibimento ao Apalpador en Carreira ás 16:00 horas. A visita incluirá obradoiros de coñecemento da natureza, unha visita guiada á aldea e a actuación dos Gaiteiros de Churía. Pola noite, Baio vivirá a súa festa de pre fin de ano ás 22:30 horas na praza Jorge Mira, cun concerto de Los Jinetes del Trópico e Mal Juicio.

A maxia continuará en xaneiro coa visita dos Reis Magos, que percorrerán o municipio os días 3 e 4 como antesala do día das cabalgatas do día 5 de xaneiro. En Baio comezará ás 18:00 horas, con recepción real e actuación de Peter Punk, e en Zas ás 18:30 horas, cun espectáculo de Jack Johnson & John Jackson. As dúas finalizarán cunha chocolatada para as familias.

A actividade cultural prolongarase ata finais de xaneiro. O 10 de xaneiro, o Auditorio de Zas acollerá a obra ‘O Proceso’, de Malasombra Producións, ás 20:30 horas. E xa o 24 de xaneiro, o Auditorio de Baio recibirá ‘Neura’, de Teatro de Ste Xeito Producións, tamén ás 20:30 horas.

Campamentos e obradoiros ao alcance da veciñanza

Xunto á programación cultural, o Concello de Zas reforza a súa aposta pola conciliación cunha ampla oferta de obradoiros e un campamento de Nadal totalmente gratuítos.

O alcalde, Manuel Muíño, destaca que “en moitos concellos estas actividades teñen custo, pero en Zas son de balde porque queremos garantir que todas as familias poidan acceder a elas sen barreiras económicas”. O rexedor engade que “a conciliación non debería ser un luxo, e por iso facemos un esforzo importante para ofrecer servizos públicos de calidade e accesibles”.

O programa inclúe un obradoiro de Adornos de Nadal para persoas adultas, que terá lugar os días 13 e 20 de decembro ás 16:00 horas no Centro Sociocultural de Zas. Por outra banda, para o público infantil celebraranse os obradoiros de cociña saudable ‘Doces de Nadal’ os días 20 e 27 de decembro ás 12:00 horas no mesmo centro.

Para rematar, o Concello presenta o ‘Campamento Zas Nadal’, unha proposta de lecer educativo en horario de 10:00 a 14:00 horas. Desenvolverase do 22 ao 26 de decembro no Centro Sociocultural de Zas e do 29 de decembro ao 2 de xaneiro no Centro Sociocultural de Baio.

Para inscricións e máis información pódese contactar co Centro Sociocultural de Zas, chamando ao 981 751 398, e co Centro Sociocultural de Baio, no 981 718 056.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

1 Maio, 2026
O Concello de Zas pechou o período de inscricións na IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose cun resultado histórico, rexistr...
22 Abril, 2026
O Concello de Zas organiza este sábado, 25 de abril, a presentación do libro ‘As tolas que non o eran. Mulleres no Manicomio de Co...
15 Abril, 2026
O vindeiro sábado 18 de abril, o Centro Sociocultural de Zas acollerá a presentación do libro ‘Que quede entre nós’, da autora Jos...
10 Abril, 2026
O Concello de Zas continúa coa súa campaña en defensa dunha sanidade pública digna e de calidade, reclamando solucións urxentes an...
7 Abril, 2026
O Concello de Zas celebrou o pasado domingo, 5 de abril, a inauguración oficial do renovado Estadio Municipal Platas Reinoso, en B...
2 Abril, 2026
O Concello de Zas vén de clausurar este mércores, 1 de abril, unha nova edición dos campamentos de Semana Santa, unha iniciativa p...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.