Hisilicon Balong

“Zas polo miúdo” repasa os aspectos xerais da parroquia de Baio

Nesta primeira entrega abordanse aspectos como a xeografía, xeoloxía, demografía, textos, referencias históricas e outros feitos de interese ou curiosidades

 

Este mes chega á paxina web do Concello de Zas unha nova entrega de “Zas polo Miúdo”. Nesta ocasión Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema percorren a parroquia de Baio con esta iniciativa posta en marcha polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, coa que os usuarios dispoñen na rede información ampliada e detallada sobre todas e cada unha das parroquias que compoñen o municipio de Zas.

A información sobre a parroquia de Baio está dividida en dúas partes. Na primeira repasamos os aspectos xerais, tales como a xeografía, xeoloxía, demografía, textos, referencias históricas e outros feitos de interese ou curiosidades. Esta información xa pode consultarse na web municipal. Nunha segunda parte da información sobre a parroquia de Baio, que se subirá á rede o próximo mes de setembro, abordaranse as manifestacións artísticas presentes nas dúas igrexas da parroquia, persoeiros baieses, festas e inventarios de bens do patrimonio artísticos e arqueolóxicos.

Baio está situado no extremo NO do Concello de Zas sendo Fornelos o punto que se sitúa máis ó oeste de todo o concello e o segundo dos que están máis ó norte. A parroquia de Baio linda con outras parroquias de tres concellos: Borneiro (Cabana de Bergantiños), Sarces e Nande (Laxe), Salto e Bamiro (Vimianzo) e coas de Lamas e O Allo, dentro do propio concello de Zas. A súa extensión é duns 8,8 quilómetros cadrados e a 1 de xaneiro de 2017 contaba cunha poboación de 1.192 habitantes. A parroquia está composta polos lugares de Agreanas/A Braña, Baio, Baio Pequeno, A Cacharosa e Fornelos; ultimamente tamén se fala dos núcleos menores de Campo do Rollo, O Chamberín e Su a Agra.

A orixe etimolóxica do propio nome da parroquia, Baio, é bastante discutida, e barállanse varias propostas: nome dun posesor romano (Badius) ou lugar de paso dun río (vadu), ó que se lle engadiría un “i” epentético. Durante moitos anos houbo alternancia entre o uso do “b” e do “v” ou do “i” e o “y”. Os outros nomes de lugar parecen ter unha orixe moito más clara. O documento máis antigo do que hai constancia que apareza o nome de Bayo data de 1452.

Neste primeira parte relativa á parroquia de Baio tamén se fala do progreso desta parroquia grazas a distintos aspectos, tales como a mellora das comunicacións (coa construción da ponte de Baio e a da Cacharoza) e a potenciación da feira da Piroga. Na documentación aparecen outros feitos curiosos como a existencia dun campamento militar a carón da ponte Lodoso entre os anos 1943 e 1944, unha folga xeral en toda a parroquia e unha das manifestacións máis grandes a nivel comarcal para reclamar a construción da estación da ITV. Toda esta información pode consultarse de forma detallada a través do seguinte enlace: http://www.concellodezas.org/media/documentos/BAIO_I_PARTE.pdf

 

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

12 Setembro, 2026
O Concello de Zas vén de realizar as denuncias e reclamacións pertinentes ante as administracións competentes para reclamar unha s...
11 Setembro, 2026
O histórico conxunto das Torres do Allo, considerado o pazo máis antigo de Galicia, pecha a súa campaña de verán de 2026 cun balan...
31 Agosto, 2026
As Torres do Allo acolleron hoxe unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, unha cita que volveu reunir artesás e art...
29 Agosto, 2026
Este domingo, 30 de agosto, celébrase no Campo Municipal de San Andrés a XXXV edición do Trofeo Concello de Zas, unha cita que xa ...
20 Agosto, 2026
O Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte, impulsado integramente polo Concello de Zas, acaba de superar o proceso de av...
17 Agosto, 2026
O Concello de Zas celebrará o domingo 30 de agosto unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, que terá como escenario...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.