FOTO ZAS Zas entrega 1.135 sinaturas e esixe á Consellería solucións urxentes para a falta de persoal sanitario

Zas entrega 1.135 sinaturas e esixe á Consellería solucións urxentes para a falta de persoal sanitario

O Concello de Zas continúa coa súa campaña en defensa dunha sanidade pública digna e de calidade, reclamando solucións urxentes ante a grave falta de persoal sanitario no Centro de Saúde do municipio.

Tras a reunión informativa mantida coa veciñanza hai dous meses, na que se puxo de manifesto o crecente malestar pola situación, o goberno local deu un paso máis coa recollida de sinaturas para esixir a cobertura inmediata da praza de pediatría e a estabilidade das prazas de medicina de familia.

A iniciativa contou cun amplo respaldo social, acadando un total de 1.135 sinaturas, unha cifra moi significativa tendo en conta que o municipio conta con algo máis de 4.000 habitantes. Estas sinaturas, xunto coa petición formal subscrita pola veciñanza, foron rexistradas oficialmente polo alcalde, Manuel Muíño, no rexistro xeral da Xunta de Galicia no día de hoxe, xoves 9 de abril.

Desde o Concello subliñan que, tras a recollida de sinaturas, se deixou un tempo prudencial para que a Consellería de Sanidade adoptase medidas para resolver a situación. Non obstante, a día de hoxe os problemas persisten: a ausencia de pediatra continúa sen solución e as prazas de medicina de familia seguen caracterizándose por unha alta inestabilidade, con cambios constantes de profesionais e mesmo períodos nos que non hai ningún médico dispoñible.

O alcalde amosouse especialmente crítico coa xestión da Consellería: “Estamos ante unha situación absolutamente intolerable. Non é de recibo que as familias teñan que cambiar de médico cada quince días ou que, directamente, non haxa ningún profesional dispoñible en determinados momentos. Isto non é unha incidencia puntual, é un abandono continuado e evidente por parte da administración autonómica”.

Ademais, o rexedor insistiu en que “a resposta da Xunta está a ser claramente insuficiente. Tivéronse meses para actuar tras as nosas primeiras advertencias e tras a recollida de sinaturas, e non fixeron absolutamente nada para corrixir esta situación. A paciencia da veciñanza de Zas ten un límite”. O goberno seguirá adoptando novas medidas de presión para reverter esta situación.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

7 Abril, 2026
O Concello de Zas celebrou o pasado domingo, 5 de abril, a inauguración oficial do renovado Estadio Municipal Platas Reinoso, en B...
2 Abril, 2026
O Concello de Zas vén de clausurar este mércores, 1 de abril, unha nova edición dos campamentos de Semana Santa, unha iniciativa p...
1 Abril, 2026
O Concello de Zas reabrirá este domingo, 5 de abril, o Estadio Municipal de Baio, Platas Reinoso, tras completar un ambicioso proc...
28 Marzo, 2026
O Concello de Zas continúa a consolidar a súa programación cultural coa inauguración da exposición ‘Aires da Terra’, da artista Is...
25 Marzo, 2026
O Concello de Zas será escenario este venres, 27 de marzo, da proxección do documental ‘A Costa e os castelos’, unha peza audiovis...
24 Marzo, 2026
O Concello de Zas acollerá este martes, 24 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro Sociocultural de Baio, o acto de clausura e entrega...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.