Santa Sía de Roma

Parroquia de Santa Sía de Roma no Concello de Zas

Trátase dunha parroquia situada na zona oeste do concello, só ten dous lugares (Santa Sía e Rus) e contaba con 79 habitantes no ano 2016.

Santa Sía de Roma é un dos haxiotopónimos -nomes de lugar orixinados polo nome dun santo ou santa- do Concello de Zas. Cómpre aclarar que o haxiotopónimo é só Santa Sía, pois contrariamente ó que se pensaba, este Roma que acompaña o nome da santa non é un topónimo, non é un nome de lugar, senón simplemente un complemento que, contra 1570, se lle engadiu á patroa da parroquia por orde dalgunha autoridade eclesiástica (quizais o propio arcebispo de Santiago). Esta é unha das sorpresas ou novidades que se presentan nesta nova entrega de ‘Zas polo miúdo’. Ata esa data do último terzo do séc. XVI a parroquia só figura nos documentos (en latín, en galego e despois en castelán) co nome da santa a secas: Santa Cecilia, Santa Cecía, Santa Cía ou Santa Sía. A partir de 1570 xa aparece co engadido “de Roma”, que sen dúbida pretendía facer referencia á orixe da santa venerada na igrexa: a mártir romana do séc. III, que despois sería escolleita como patroa da música. En canto ó topónimo Rus, segundo F. Cabeza, é posible que proceda de *(villaRuderici ou de Rudericus (‘vila, mansión rural de Rodrigo’).

A súa igrexa parroquial é de estilo barroco, construída no séc. XVIII, e está perfectamente integrada entre as casas, onde destaca o seu alto campanario que preside o conxunto. Do seu interior, cómpre resaltar o retablo maior feito en pedra de granito. O seu principal interese está no material de construción, xa que non son moitos os retablos pétreos no barroco galego de principios do XVIII.

Hai tamén dous cruceiros: o da igrexa, hoxe situado na parte sur do adro (do 1930, segundo a inscrición do pedestal) e o que se atopa nunha praciña no medio do lugar.

A aldea de Santa Sía é un dos sitios máis fermosos do termo municipal. É un dos poucos lugares que por estas comarcas occidentais de Galicia presenta un hábitat agrupado, pois poucas son as casas construídas fóra do núcleo. Conservan, agás excepcións, a súa estrutura tradicional: casas rectangulares de pedra e tellado a dúas augas, algunha delas de cantería, as restantes de cachotería coa cantería reservada para as luces e esquinais.

Esta parroquia pertenceu durante o Antigo Réxime á xurisdición, gobernada polos condes de Altamira, de Vimianzo e, no ano 1842, Santa Sía estivo a piques de ser capital do Concello de Roma, que abranguía todas as parroquias de Zas e boa parte de Vimianzo, tras o acordo de redución de concellos que adoptou a Deputación. O proxecto nunca chegou a realizarse.

05 santa sia

Máis info sobre Santa Sía de Roma

Galería de fotos de Santa Sía de Roma

Festas en Santa Sía de Roma

  • Luns de Pascoa, Santa Locaia, con procesión arredor do adro
  • 24 de xuño, San Xoán
  • 16 de setembro, Santa Eufemia
  • 22 de novembro, festa da patroa Santa Sía
  • 23 de novembo, San Antonio

Santa Sía de Roma en Zas Polo Miúdo

Descubre os capítulos adicados á parroquia de Santa Sía de Roma na gran obra de Xosé María Lema e Evaristo Domínguez chamada "Zas Polo Miúdo" que constitúe unha pequena enciclopedia sobre o Concello de Zas.

Localización da parroquia de Santa Sía de Roma

As parroquias do Concello de Zas

O Concello de Zas está composto por 16 parroquias que conservan a esencia da vida rural galega. Cada unha delas achega tradicións, patrimonio e paisaxe, formando un mosaico diverso que dá identidade e riqueza cultural ao municipio.

Agradecemento especial a Xosé María Lema e Evaristo Dominguez, autores do libro “Zas Polo Miúdo” do cal se extraxeron os textos para realizar os textos de cada unha das parroquias do Concello de Zas.

  • Zas

Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.