Muíño

Parroquia de Muíño no Concello de Zas

San Tirso de Muíño, parroquia cuxo topónimo procede do latín molinum ´muíño´, intégrana os seguintes lugares: As Abellas, Campos, O Couto, A Churía, A Fonte Espiño, Marán, Pedra Padreiro, A Piosa, A Santa, A Toxa e o Vilar e contaba con 263 habitantes no ano 2016. A súa altitude máxima está no outeiro da capela de Santa Margarida (346 m.)

A igrexa parroquial de San Tirso de Muíño presenta a clásica fachada pentagonal, de cantería e lisa, rematada na parte central por unha sinxela espadana, construída seguramente no séc. XIX. Porén, todo o resto do templo responde ás características arquitectónicas do séc. XVIII e en cuxo interior se adosou un artístico escudo de pedra, cuartelado en cruz e tallado nunha soa pedra, coroado por un casco ou helmo afrontado. Nos cuarteis aprécianse as armas dos Pazos, Figueroa e Moscoso.

A ermida de Santa Margarida é de mediados do séc. XVIII e o seu retablo é de estilo neoclásico (fins séc. XVIII – principios séc. XIX) aínda que este santuario xa existía con anterioridade ao séc. XVIII: disque aquí xa había unha romaxe por 1.670.

Cabe salientar tamén a existencia nesta parroquia dunha parte do que noutro tempo foi a Torre do Couto ou de Muíño, lugar de residencia da estirpe fidalga dos Ozores, antigos donos do couto de Muíño.

O cruceiro do Couto chama a atención porque se atopa no interior dunha rotonda ovada, axardinada, ben protexido por unha reixa de ferro e malia que as súas figuras están moi erosionadas, consideramos que se trata dunha obra barroca do séc. XVIII.

A arca da Piosa é outro dos monumentos megalíticos de máis sona de toda Galicia, pertencente á área Soneira-Xallas, de exemplares tan recoñecidos como as antas de Dombate, de Pedra Cuberta, Pedra da Arca de Regoelle, a Mina da Parxubeira, etc. xa era coñecida a finais do séc. XIX polos nosos historiadores e arqueólogos. 

03 muino

Máis info sobre Muíño

Galería de fotos de Muíño

Festas en Muíño

  • 28 de xaneiro, festa do patrón San Tirso
  • 29 de xaneiro, festa de San Xosé
  • 30 de maio, festa do Corpiño, festa de ofrendas e de abundantes exvotos de cera e ten habido merendas arredor da igrexa parroquial
  • 25 de xullo, festa das Dores
  • 26 de xullo, romaxe de Santa Margarida
  • 28 de agosto, festa do Sacramento

Muíño en Zas Polo Miúdo

Descubre os capítulos adicados á parroquia de Muíño na gran obra de Xosé María Lema e Evaristo Domínguez chamada "Zas Polo Miúdo" que constitúe unha pequena enciclopedia sobre o Concello de Zas.

Localización da parroquia de Muíño

As parroquias do Concello de Zas

O Concello de Zas está composto por 16 parroquias que conservan a esencia da vida rural galega. Cada unha delas achega tradicións, patrimonio e paisaxe, formando un mosaico diverso que dá identidade e riqueza cultural ao municipio.

Agradecemento especial a Xosé María Lema e Evaristo Dominguez, autores do libro “Zas Polo Miúdo” do cal se extraxeron os textos para realizar os textos de cada unha das parroquias do Concello de Zas.

  • Zas

Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.