FOTO ZAS Programacion.jpg

O Concello de Zas presenta a programación cultural 2026 das Torres do Allo

O Concello de Zas presentou hoxe, sábado 14 de marzo, a programación cultural das Torres do Allo para o ano 2026, unha proposta que combina actividades culturais, didácticas e de lecer ao longo de todo o ano co obxectivo de seguir consolidando o pazo como un dos principais referentes culturais da Costa da Morte.

Durante a presentación, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou o compromiso do Concello coa posta en valor do conxunto histórico: “As Torres do Allo son unha peza fundamental do noso patrimonio e queremos que continúen sendo un espazo vivo, aberto á cultura, á divulgación e á participación de públicos de todas as idades”, sinalou.

Na mesma liña, o rexedor reafirmou a importancia das Torres do Allo como “un punto de encontro para veciños e visitantes, un lugar onde o noso patrimonio dialoga coa cultura actual e onde cada ano seguimos sumando novas experiencias”.

Para desenvolver esta programación, o Concello conta co apoio da Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración que permitirá destinar máis de 25.000 euros ao financiamento de actividades culturais e didácticas ao longo de 2026.

Un calendario cargado de propostas que darán comezo na Semana Santa

A primeira gran cita chegará coa Semana Santa. Entre o 28 de marzo e o 5 de abril, o pazo ampliará o seu horario abrindo de maneira continuada de 11:00 a 20:00 horas. Durante eses días organizaranse visitas guiadas diarias ás 13:00 e ás 17:00 horas, nas que o público poderá coñecer máis a fondo a historia das Torres.

Ademais, os máis pequenos poderán participar no xogo de pistas ‘O legado de Francisca, unha viaxe polo pazo’, unha proposta lúdica e educativa para descubrir os segredos do edificio.

Xa no mes de xuño inaugurarase a exposición temporal ‘Zas en Romaría’, dedicada ás tres romarías que se celebran no ámbito municipal: Santa Margarida (Muíño), os días 25 e 26 de xullo; San Roque do Monte (Mira), o último sábado de agosto; e San Ramón do Allo, o 31 de agosto, esta última recuperada e revitalizada nos últimos anos. A mostra achegará ao público visitante á historia e ás tradicións destas celebracións populares.

A programación prestará tamén especial atención ás actividades dirixidas á infancia. Ao longo do ano organizaranse diferentes obradoiros temáticos, entre os que destacan o dedicado ao Día das Letras Galegas, en maio, centrado este ano na escritora Begoña Caamaño; o tradicional obradoiro de San Xoán en xuño; e un taller de Nadal no mes de decembro.

Cultura e lecer nos meses de verán

Durante o verán, o pazo volverá ser un espazo de encontro para os máis novos co campamento ‘Zas no Verán 2026’, que ofrecerá xogos e actividades didácticas nas mañás estivais. A música será outro dos grandes atractivos da tempada coa actuación do trío Boroa, formado por Sabela Olivares, Alberto Millán e Suso Bello, que presentará un proxecto centrado na funcionalidade e versatilidade da gaita e na súa adaptación ás novas tecnoloxías.

Os domingos de xullo e agosto regresarán tamén as populares visitas teatralizadas dos Quinquilláns, nas que as figuras do naturalista galego Víctor López Seoane e da súa dona Francisca Riobóo, primeira herdeira muller das Torres, guiarán ao público pola historia do pazo dunha forma amena e participativa.

Outra das propostas máis demandadas, o Escape Room do Allo, volverá este verán cunha nova narrativa e novos retos pensados especialmente para público xuvenil e adulto. A actividade estará dispoñible baixo reserva durante os meses de xullo, agosto e setembro.

O 30 de agosto celebrarase a tradicional Romaría de San Ramón, que este ano cae en domingo e contará cunha programación reforzada. A xornada comezará cun Mercado de Artesanía Tradicional pola mañá e continuará coa actuación da charanga tradicional Benofan na sesión vermú, recuperando repertorio de murgas, charangas e orquestras do século pasado. Pola tarde, o público familiar poderá gozar do espectáculo musical ‘Consertasso na Horta’ de Brais das Hortas.

Peche da programación co Samaín

Xa no outono, o 26 de outubro, o Pazo das Torres do Allo celebrará o Samaín cunha xornada especial que incluirá un obradoiro infantil, magosto, música tradicional e a actuación do mago Samuel Moreno, semifinalista de ‘Got Talent España’, quen ofrecerá un espectáculo que fusiona ilusión, música e tecnoloxía.

CARTEL RRSS ZAS O Concello de Zas presenta a programación cultural 2026 das Torres do Allo
CARTEL RRSS ZAS O Concello de Zas presenta a programación cultural 2026 das Torres do Allo
Comparte en redes

Últimas novas publicadas

10 Abril, 2026
O Concello de Zas continúa coa súa campaña en defensa dunha sanidade pública digna e de calidade, reclamando solucións urxentes an...
7 Abril, 2026
O Concello de Zas celebrou o pasado domingo, 5 de abril, a inauguración oficial do renovado Estadio Municipal Platas Reinoso, en B...
2 Abril, 2026
O Concello de Zas vén de clausurar este mércores, 1 de abril, unha nova edición dos campamentos de Semana Santa, unha iniciativa p...
1 Abril, 2026
O Concello de Zas reabrirá este domingo, 5 de abril, o Estadio Municipal de Baio, Platas Reinoso, tras completar un ambicioso proc...
28 Marzo, 2026
O Concello de Zas continúa a consolidar a súa programación cultural coa inauguración da exposición ‘Aires da Terra’, da artista Is...
25 Marzo, 2026
O Concello de Zas será escenario este venres, 27 de marzo, da proxección do documental ‘A Costa e os castelos’, unha peza audiovis...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.