Concello de Zas

O Concello de Zas impulsa importantes melloras nos centros educativos do municipio tras meses de presións, xestións e diálogo

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e a concelleira de Educación, Pilar García, mantiveron unha reunión de traballo coas ANPAs do CEIP Labarta Pose e do CPI de Zas, así como cos directores de ambos os centros educativos, para informar dos avances acadados nas xestións realizadas polo Concello co obxectivo de dar resposta ás necesidades e deficiencias detectadas nas instalacións escolares.

Durante o encontro, o rexedor deu conta dos resultados da reunión que mantivo recentemente en Santiago co secretario xeral de Educación e co director territorial de Educación da Coruña, unha xuntanza promovida polo Concello para trasladar de primeira man as demandas da comunidade educativa e reclamar solucións para problemas que veñen sendo motivo de preocupación desde hai tempo.

Investimentos superiores aos 26.000 euros nos centros de xeito inmediato por parte da Consellería

Grazas a estas xestións e a colaboración das ANPAS e direccións dos dous centros acadáronse diversos compromisos que permitirán acometer actuacións de mellora nos dous centros educativos do concello.

No CEIP Labarta Pose de Baio realizaranse durante este verán actuacións para selar ventás e substituír o falso teito do comedor, cun investimento de arredor de 6.000 euros. Ademais, conseguiuse o compromiso de que antes de finalizar o ano quede redactado o proxecto para a renovación da cuberta exterior do comedor, unha intervención de maior envergadura. Este paso permitirá avanzar cara á súa licitación a comezos de 2027 e executar posteriormente as obras.

Pola súa banda, no CPI de Zas substituiranse este verán os caleiros interiores de desaugadoiro, cun investimento próximo aos 20.000 euros. Segundo os informes técnicos, o deterioro destes elementos é a principal causa das filtracións e goteiras que afectan ao edificio.

Ademais destas actuacións, o Concello de Zas comprometeuse a seguir realizando investimentos propios para mellorar as condicións dos centros educativos, mesmo en cuestións que exceden as competencias municipais.

No CPI de Zas acometerase a substitución das pranchas deterioradas do patio cuberto exterior e da súa varanda, ademais de estudar solucións para evitar que a choiva inutilice este espazo debido á acumulación de auga no pavimento. Tamén se revisarán os elementos do sistema de calefacción que presentan un importante desgaste derivado da corrosión e da súa antigüidade, co obxectivo de garantir o seu correcto funcionamento.

No caso do CEIP Labarta Pose, o Concello renovará a superficie da pista polideportiva situada no recinto escolar, que ademais continuará aberta fóra do horario lectivo para o seu uso pola infancia e mocidade de Baio. Tamén se actuará para mellorar a seguridade na zona de chegada e saída do transporte escolar, evitando a interferencia dos vehículos particulares e eliminando as pozas que se forman na área onde descenden os escolares.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “estas melloras son o resultado dun traballo conxunto e constante de diálogo, insistencia e colaboración entre o  Concello, ANPAS e dirección dos centros que levan meses trasladando á Consellería de educación as necesidades dos nosos centros e defendendo os intereses da comunidade escolar de Zas”.

Muíño sinalou ademais que “o noso compromiso é seguir implicándonos na mellora das infraestruturas educativas porque entendemos que ofrecer espazos seguros, cómodos e de calidade para o alumnado é unha prioridade para o presente e o futuro do municipio”.

O rexedor tamén quixo poñer en valor a importancia da cooperación institucional: “Cada administración ten as súas competencias, pero cando existe vontade de colaboración é posible avanzar e atopar solucións. O importante é que os veciños e veciñas de Zas vexan atendidas as súas demandas e que os nosos nenos e nenas conten coas mellores condicións posibles nos seus centros educativos”.

O Concello de Zas continuará realizando o seguimento destes compromisos para garantir o seu cumprimento e seguirá traballando da man da comunidade educativa para atender as necesidades dos dous centros.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

9 Xullo, 2026
Os alcaldes Cabana de Bergantiños, José Muíño; de Laxe, Francisco Charlín; e de Zas, Manuel Muíño, mantiveron unha reunión co dire...
7 Xullo, 2026
O Concello de Zas iniciou as obras de consolidación da calzada romana de Brandomil, unha nova actuación encamiñada á conservación ...
1 Xullo, 2026
Os concellos de Zas, Laxe e Cabana de Bergantiños veñen de presentar de forma simultánea e coordinada un recurso de reposición con...
26 Xuño, 2026
O Concello de Zas e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos recolleron máis de 1.200 recursos de reposición nos que se solicit...
25 Xuño, 2026
O Concello de Zas presenta a súa programación de actividades para o verán 2026, unha completa oferta de propostas dirixidas a neno...
19 Xuño, 2026
Un total de 124 nenos e nenas participarán nos Campamentos de Verán 2026 organizados polo Concello de Zas, unha cifra que confirma...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.