FollasOutono_presentacion-Marta-Villar3

Marta Villar: “É unha sorte que un concello tan pequeno como o de Zas sexa un referente cultural”

O pasado sábado presentou o seu libro “Detective Ferruchi” no marco do ciclo literario e cultural “Follas de Outono”

O Auditorio de Baio acolleu o pasado sábado a presentación do libro “Detective Ferruchi”, da malpicana Marta Villar e que foi a novela gañadora da XLI edición dos Premios Xerais. “Había tempo que non o pasaba tan ben”, atreviuse a decir unha das asistentes despois dunha amena hora e media de presentación desta novela na que se mistura o humor coa denuncia social. A Concelleira de Educación, Pilar Garcia, encargouse de presentar o acto.

“Animo a calquera persoa a que lea calquera tipo de literatura pero a de Marta Villar é especial xa que escribe cuns códigos que entendemos todos e todas perfectamente”, sinalou o xornalista baiés Xurxo Sánchez que acompañou á escritora durante a presentacion do libro. 

Cun encontro moi próximo e ameno, Marta Villar debullou algúns dos detalles de “Detective Ferruchi” no que hai máis de 70 personaxes diferentes e que na gran maioría son reais. Esta é unha novela na que se narra a historia de Sol Cortés, quen decide darlle un xiro á súa vida laboral volvendo á súa vila natal onde se ve envolta na investigación dun crime. A través da súa novela, Marta convida ao lector a reflexionar sobre temas como a violencia machista, as cooperativas que traballaron para multinacionais da moda, a menopausia,… Temas coñecidos por todos e todas e que deron pé a que algúns dos asistentes contaran historias que coñecían de primeira man. 

Marta Villar aproveitou para dar as grazas polo convite destacou que “é unha sorte que un concello tan pequeno como o de Zas sexa un referente cultural” grazas á completa programación organizada polo Concello así como todos os eventos culturais organizados por diferentes entidades co apoio municipal. Durante a presentación, Marta Villar adiantou que en breve “Detective Ferruchi” terá a súa versión en castelán. 

Follas de Outono

Esta foi a terceira cita do ciclo “Follas de Outono” que está a ter un gran éxito e que converte a Baio nun dos referentes culturais e literarios da Costa da Morte. 

A programación continúa a vindeira semana con dúas citas. Unha será o venres, día 24, coa representación de “Pegadas de Castelao”, que realizará Migallas Teatro no CEIP Labarta Pose. Unha cita que coincide coa conmemoración do Día das Bibliotecas e co que tamén se pretente homenaxear a figura de Castelao cando se cumplen 75 anos da súa morte.

Xa o domingo, día 26, o Auditorio de Baio acolle outras dúas citas. Primeiro, María Lado presentaranos o seu libro “Canta miña compañeira. O legado das cantareiras” ás 18:00 horas. E a continuación, o alumnado do CEIP Labarta Pose representará a obra teatral “Cantareiras”.

Últimas novas publicadas

19 Xuño, 2026
Un total de 124 nenos e nenas participarán nos Campamentos de Verán 2026 organizados polo Concello de Zas, unha cifra que confirma...
12 Xuño, 2026
Os alcaldes de Cabana de Bergantiños, Laxe e Zas manterán a vindeira semana unha reunión de traballo co obxectivo de coordinar pos...
10 Xuño, 2026
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e a concelleira de Educación, Pilar García, mantiveron unha reunión de traballo coas ANPAs do CEIP...
7 Xuño, 2026
O Concello e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos celebraron onte unha reunión informativa cos veciños de Fornelos para ana...
6 Xuño, 2026
A Casa do Concello de Zas acolleu esta tarde a presentación oficial da 57ª edición de Feirauto, un dos eventos máis consolidados d...
6 Xuño, 2026
O Concello de Zas acollerá o domingo, 14 de xuño, a XVII Concentración de Motos Antigas de Zas, unha cita xa consolidada no calend...