SEMANA CULTURAL

Zas quenta motores para a Carballeira cunha Semana Cultural chea de actividades para todos os públicos

O Concello de Zas volverá converter a primeira semana de agosto nunha gran festa da cultura. Entre o 3 e o 7 de agosto, o municipio acollerá unha Semana Cultural con múltiples actividades para todos os públicos, unha programación que servirá de antesala á 41ª Festa da Carballeira, que se celebrará o 7 de agosto.

Durante cinco intensas xornadas, a veciñanza e as persoas visitantes poderán escoller entre unha ampla variedade de propostas que abranguen desde obradoiros infantís e familiares ata actividades para persoas adultas, contacontos, concertos, cine ao aire libre, exposicións, encontros divulgativos, observación astronómica, artesanía, literatura, gastronomía ou humor. Un programa pensado para encher de actividade o municipio desde a mañá ata a noite e para todos os gustos e idades.

 “O obxectivo é que durante toda a semana Zas sexa un punto de encontro arredor da cultura”, sinala o alcalde, Manuel Muíño. “Deseñamos unha programación moi ampla, variada e participativa, na que teñen cabida a música, o patrimonio, a creación artística, a tradición, a divulgación e as actividades familiares. Queremos que tanto a veciñanza como quen nos visite atopen cada día varias propostas atractivas para desfrutar do noso concello”.

Programación completa

A programación arrancará xa o 31 de xullo coa proxección de ‘As liñas discontinuas’, dentro do Ciclo Mestre Mateo, na Praza do Campo. Ademais, durante toda a Semana Cultural permanecerán abertas no Centro Sociocultural de Zas tres exposicións: ‘Restauración de mobles e bordado’, realizada polo alumnado das aulas municipais; ‘Zas, na ollada dos Vidal’, dedicada ás paisaxes e ás xentes do municipio a través das fotografías de Plácido e José María Vidal; e ‘Voluntarios, alma da Carballeira’, unha homenaxe ás persoas que fan posible a celebración da festa.

 A estas propostas súmase tamén a intervención artística ‘Mural Festa da Carballeira’, que realizará o Colectivo Vella Escola na Escola Infantil A Galiña Azul.

 Ao longo da semana sucederanse obradoiros de percusión, cociña saudable, costura creativa, construción dun pandeiro tradicional ou decoupage; contacontos para diferentes idades; actividades divulgativas sobre o mar e o consumo responsable; presentacións de libros; proxeccións do Ciclo Mestre Mateo; concertos de Comando Curuxás e da Coral San Martiño de Cánduas; o monólogo de Leti da Taberna; o espectáculo musical de Caxoto e unha sesión de observación do ceo nocturno con telescopios.

“A Semana Cultural é a mellor maneira de preparar o ambiente para a Carballeira, unha festa que transcende o ámbito local e que cada ano reúne en Zas milleiros de persoas arredor da música e da cultura galega”.

Inicio da Festa da Carballeira

A programación culminará o 7 de agosto co inicio da 41ª Festa da Carballeira, coa actuación de El Nido, Baiuca e David Pasquet.

A gran xornada festiva chegará o 8 de agosto, cun programa que se estenderá durante todo o día e que incluirá feira de artesanía, exhibición de talla con motoserra, sesión vermú con mexilloada popular, actividades infantís, espectáculos familiares, a tradicional Gran Foliada e un cartel musical de primeiro nivel coas actuacións de Paco Nogueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, C’3 Orquestra Pantasma, Mago Teto, Alana, Radio Cos, Backwest, Fillas de Cassandra e Señora DJ.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

3 Novembro, 2026
O Concello de Zas resultou beneficiario dunha subvención ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2026 para a contratación dunha persoa ...
31 Outubro, 2026
O Concello de Zas contará durante o curso 2026-2027 cunha nova edición do programa ‘Os Ratos de Lonxedetodo’, desenvolvido por Tri...
24 Outubro, 2026
Baio acolle desde onte, xoves 22 de outubro, a sexta edición dos Premios Fouciño, un festival dedicado ao audiovisual galego que e...
18 Outubro, 2026
O Concello de Zas porá o broche final á programación do ciclo ‘Afiando Fouciños’ o vindeiro domingo, 18 de outubro, coa proxección...
9 Outubro, 2026
O Concello de Zas oponse á decisión do Instituto Nacional de Estatística (INE) de fusionar as mesas electorais da parroquia de Muí...
6 Outubro, 2026
O Centro Sociocultural de Baio inaugurou esta fin de semana unha nova tempada de exposicións despois do parón habitual durante os ...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.