O Concello de Zas quenta motores para celebrar a IX Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. Tanto é así, que o Concello acaba de anunciar o cartel oficial da novena edición, que comezará esta mesma semana. Ao longo dos meses de maio e xuño representaranse un total de cinco funcións, realizándose a primeira este sábado, 23 de maio. Todos os pases terán lugar os sábados, ás 21.00 horas, nos auditorios de Baio e Zas. A programación completarase coa entrega de premios (27 de xuño) e coa clausura da Escola Municipal de Teatro do Concello de Zas (5 de xullo).
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, anima á veciñanza a participar nas distintas actividades que conforman o cartel desta edición, destacando “a ampla variedade de propostas pensadas para todos os gustos e públicos”. Tal e como subliñou, trátase dunha programación completa coa que se pretende “seguir consolidando o noso municipio como todo un referente no ámbito do teatro afeccionado”.
Programación
Deus non quere calderilla (The Sastre Teatro) será a comedia encargada de inaugurar esta convocatoria. Terá lugar este sábado, 23 de maio, ás 21.00 horas no auditorio de Baio. Unha semana despois, será a Asociación Cultural Faíscas a encargada de tomar a remuda coa súa comedia Un fiambre, unha rosca e un cancan (sábado, 30 de maio, ás 21.00 horas no auditorio de Zas).
O mes de xuño arrincará con Operación Barranco (Vagalume Animación), unha comedia de enredo que se representará o sábado, día 6, ás 21.00 horas no auditorio de Zas. Sete días despois, Gargallada Teatro subirá ao escenario do auditorio de Baio con Alimañas (13 de xuño ás 21.00 horas). A última proposta da Mostra terá lugar o sábado, 20 de xuño, ás 21.00 horas no auditorio de Zas, cando se representará Dona Clara (Colectivo Cultural Ollomao).
Clausura e entrega
O sábado, 27 de xuño, ás 18.00 horas a Mostra de Teatro vivirá unha xornada do máis completa no auditorio de Baio. Por unha banda, o alumnado do CEIP Labarta Pose realizará unha actuación e, a continuación, farase a entrega de premios da convocatoria. Na gala outorgaranse distincións ás cinco mellores obras, distincións ao mellor actor e á mellor actriz e, por último, unha á mellor función elixida polo propio público. Este último galardón concederase á representación que obtivera a puntuación media máis alta.
Escola municipal de teatro
A programación da Mostra vivirá o seu broche de ouro o domingo, 5 de xullo, no auditorio de Baio. A partir das 19.00 horas, terá lugar a clausura da escola municipal de Teatro do Concello de Zas, que interpretará Xogo de infieis.
