Lamas

Parroquia de Lamas no Concello de Zas

Forma parte do grupo de parroquias situadas na zona noroccidental do concello de Zas, configuradas en torno ó val medio do río do Porto ou Grande. A súa xeografía é a típica da zona central da Terra de Soneira: unha superficie moi chá regada polas augas  -mainas- do río de Zas ou de Lamas (dirección sur-norte), xa no seu tramo final.

Toca en tramos máis o menos longos con 7 parroquias do concello de Zas (Baio e O Allo, polo N; San Cremenzo e Carreira, polo E; Mira, nun só punto: a Pedra dos Cregos, polo SE; Zas, polo S e SO e Vilar, polo S e SE) e unha do concello de Vimianzo: Bamiro (polo O).

Ten unha superficie duns 7,1 km2 moi similar a outras parroquias do concello coma O Allo, Brandomil, Brandoñas ou Santa Sía (todas elas roldan os 7 km2).

Estivo unida a Baio ata o ano 1793, sendo Lamas a parroquia matriz. No Antigo Réxime formaba parte da xurisdición de Vimianzo, do señorío do conde de Altamira.

No seu relevo hai que destacar o chan que é.  Presenta formas totalmente achanzadas, agás nos lindes, onde hai pequenos outeiros que a separan das parroquias de Vilar e Bamiro, polo O, e San Cremenzo, polo E. En ambos os dous casos trátase de elevacións de moi escasa entidade, un pouco máis elevadas estas últimas, pero que apenas  se erguen uns cantos metros máis que a parte central da parroquia. Case a totalidade do seu territorio está formado por un val de fondo moi plano onde son imperceptibles os desniveis.

O seu principal curso de auga é o río de Zas ou de Lamas –que nace na parroquia San Martiño de Meanos- e será unha das achegas máis importantes que terá o río do Porto. É o seu afluente máis longo (16,4 km). Trátase dun río eminentemente de chaira, con tan só uns pequenos desniveis na zona de Pedra Vixía antes de xuntarse co principal, xa en terras baiesas. Por esta zona, na súa marxe dereita, atópase o dolmen de Pedra Moura de Pedra Vixía, en lamentable estado de conservación; sendo como é o monumento megalítico do concello de Zas máis coñecido despois da Arca da Piosa, merecería máis atención oficial, facilitando os seus accesos e limpándoo de maleza.

Da igrexa parroquial de Santa María de Lamas o máis salientable é a capela maior, gótica do séc. XVI, cuberta por unha fermosa bóveda estrelada con nervaduras moi traballadas que se cruzan nunha clave central e catro secundarias. Chama tamén a atención o maxestoso arco apuntado, tamén gótico e do XVI, que comunica a capela maior coa nave.

reconstrución da nave do templo no séc. XVIII custou ferro e fariña, pois os veciños non estaban moi de acordo cos mandatos do visitador do arcebispado e o párroco tivo que acudir a un notario para ameazalos por escrito con penas de excomuñón “y prisión de sus personas y otros apremios” se non se aviñan a colaborar nas obras prestando serventía. Chama a atención o atrevemento destes fregueses, tendo en conta o poder absoluto que tiña a Igrexa na época; foran ben atrevidos, desde logo. As ordes de reconstrución déranse en 1721, pero ata 1734 non se iniciaron, rematándose en 1743. Desta época son as esculturas de pedra da fachada e o cruceiro do adro, de longo varal, obra de Xoán Martínez, canteiro e tallista de Borneiro. O retablo maior do interior -de estilo barroco-rococó- foi realizado en 1773 por un fillo deste, tamén escultor, chamado Ignacio, residente en Troitosende (A Baña).

Esta parroquia foi o lar nativo dunha importante familia fidalga galega que tomou o nome da propia freguesía: os Lamas. Segundo os xenealoxistas, a casa fidalga dos Lamas era das primeiras e das mellores do reino de Galicia, cunha antigüidade que se remontaba a principios do séc. XVI. Como xa advertimos, un dos seus membros, Álvaro Núñez de Lamas, foi quen mandou construír, uns anos antes de 1540, o templo parroquial de Zas.

Mapa lamas

Máis info sobre Lamas

Galería de fotos de Lamas

Festas en Lamas

  • 1º domingo de xuño: A Milagrosa
  • 15 de agosto: Día da Nosa Señora
  • Abril: San Xosé
  • Xuño: Santo Antonio

Lamas en Zas Polo Miúdo

Descubre os capítulos adicados á parroquia de Lamas na gran obra de Xosé María Lema e Evaristo Domínguez chamada "Zas Polo Miúdo" que constitúe unha pequena enciclopedia sobre o Concello de Zas.

Localización da parroquia de Lamas

As parroquias do Concello de Zas

O Concello de Zas está composto por 16 parroquias que conservan a esencia da vida rural galega. Cada unha delas achega tradicións, patrimonio e paisaxe, formando un mosaico diverso que dá identidade e riqueza cultural ao municipio.

Agradecemento especial a Xosé María Lema e Evaristo Dominguez, autores do libro “Zas Polo Miúdo” do cal se extraxeron os textos para realizar os textos de cada unha das parroquias do Concello de Zas.

  • Zas

Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.