Gándara

Parroquia de Gándara no Concello de Zas

Gándara sítuase no extremo NO do concello de Zas. Toca a parroquias de 3 concellos distintos: Nantón (polo N e NE, Cabana de Bergantiños); Cuns (polo E, Coristanco) e Santa Sabiña (polo SE, Santa Comba). Dentro do seu propio concello ten lindes con Carreira e San Cremenzo

É a terceira parroquia de Zas pola súa extensión, tan só por detrás de Muíño e San Martiño. Formaba parte no Antigo Réxime da xurisdición señorial de Vimianzo e era acumulativa á xurisdición real de Soneira.

No seu relevo distínguense tres partes ben diferenciadas:

  1. A oriental, que queda ó leste do macizo de Pico de Meda formado por un val triangular relativamente encaixado no que se asentan os núcleos de Vilar Ramilo, Parga e Budián.
  2. Unha aliñación montañosa no centro que vai de S a N e que a divide en dúas partes case iguais. No cume de Pico de Meda –entre Gándara e Carreira- acádanse as maiores altitudes de toda a zona (566 m ).
  3. Por último a parte occidental, predominantemente chá que formaría parte do chamado Val de Soneira. Nesta parte occidental estarían os demais núcleos de poboación.

O seu principal curso de auga é o río do Sisto –que nace na parroquia xalleira de Santa Sabiña e será a achega principal que formará o río do Porto ou Grande. A destacar deste río a zona do Rabiñoso cunha fermosa fervenza e varios muíños e, preto, as vistas que hai desde Pico de Meda. Realmente son dous sitios (Rabiñoso e Pico de Meda) que un non pode deixar de ver se visita a parroquia.

A igrexa ten base estrutural de época románica da que só queda a porta principal rematada nunha fermosa dobre arcada (un dos poucos exemplos do románico do séc. XII que se poden ver en Zas). Sufriu reformas entre 1930 e 1935 e entre 1961 e 1967 que afectaron un pouco o seu aspecto. No ano 1860 un raio derruba a fachada e a espadana que foi reconstruída con excelente gusto por José Touceda en 1862.

A capela do lado N fundada entre 1678 e 1709 estivo dedicada a Santa Margarida. No  seu exterior está o escudo nobiliario dos fidalgos fundadores. A capela do lado sur estivo dedicada ó Santo Nome de Xesús.

Conta con dous interesantes cruceiros; o procesional que se encontra a uns centros de metros da fachada, conserva no súa base a data de 1720 e o outro está no Sisto, amosando uns signos estraños no seu fuste.

Conta cun importante patrimonio arqueolóxico: unhas 14 mámoas; dou fermosos e relativamente ben conservados castros: o de Vilaestévez e o do Bico da Cruz ou das Cortellas; tres puntos nos que se atoparon  restos romanos entre os que destaca a Agra da Cruz, non moi lonxe da igrexa, onde á vista dos restos alí encontrados é posible situar a existencia dunha vila romana no séc. II ou III d.C.

Tamén quedan os alicerces do que serían unhas torres medievais –Torres do Boén ou de Surribado- que segundo algúns documentos puideron pertencer ó conde Diego Pérez Sarmiento.

Por último, sinalar o interesantes que son uns símbolos, ata o de agora non ben estudados, que hai no interior do cabazo ou hórreo de Trelles ou do cura, nas pedras que conforman o piso.

As súas festas principais son o último domingo de maio (As Dores) e o 15 de agosto (A Asunción). Outras festas menores serían  santo Antonio (o luns posterior ás Dores); san Sebastián (20 de xaneiro); san Sidro (15 de maio); san Roque (16 de agosto) e o Rosario (último domingo de setembro).

Mapa gandara

Máis info sobre Gándara

Galería de fotos de Gándara

Festas en Gándara

  • 15 de agosto: Asunción da Virxe
  • 16 de agosto: San RoqueS
  • 20 de xaneiro: San Sebastián
  • 15 de maio: San Isidro
  • Maio: As Dolores
  • Setembro: Virxe do Rosario

Gándara en Zas Polo Miúdo

Descubre os capítulos adicados á parroquia de Gándara na gran obra de Xosé María Lema e Evaristo Domínguez chamada "Zas Polo Miúdo" que constitúe unha pequena enciclopedia sobre o Concello de Zas.

Localización da parroquia de Gándara

As parroquias do Concello de Zas

O Concello de Zas está composto por 16 parroquias que conservan a esencia da vida rural galega. Cada unha delas achega tradicións, patrimonio e paisaxe, formando un mosaico diverso que dá identidade e riqueza cultural ao municipio.

Agradecemento especial a Xosé María Lema e Evaristo Dominguez, autores do libro “Zas Polo Miúdo” do cal se extraxeron os textos para realizar os textos de cada unha das parroquias do Concello de Zas.

  • Zas

Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.