Vilar

Parroquia de Vilar no Concello de Zas

No Antigo Réxime pertencía á xurisdición de Vimianzo sendo os Lamas e máis tarde os Caamaño de Romelle os que tiñan o dereito de presentación do curato.

Ten unha extensión duns 6,7 km2 e os seus núcleos de poboación son Artón, Pazos, Quintáns, Saconde, Sandrexo e Vilar. Pazos e Sandrexo  están compartidas coas parroquias de Tines e Treos  (Vimianzo), respectivamente. Linda, polo N, con Bamiro (Vimianzo); polo S, con Loroño (Zas) e Treos (Vimianzo); polo E, con Zas e Lamas; e polo O, con Tines. A súa forma parece recordar á dun rectángulo.

É unha parroquia na que predominan as terras achanzadas, con moi escasa diferencia de altitudes entre os cumes e as partes máis baixas –uns 60 m-. Está cruzada polo río de Vilar, formado pola unión  do de Xora e do Torrente e que  desembocará, preto de Baio, no río Grande ou do Porto.

Xeoloxicamente formaría parte do Complexo de Noia ou Fosa Blastomilonítica e os seus materiais; disponse en bandas orientadas de N a S seguindo a dirección do pregamento herciniano. Case todos eles teñen a súa orixe no período Cámbrico, agás os sedimentarios ás beiras dos ríos.

No tocante á demografía, amosa os mesmos síntomas que o resto das parroquias do concello, cunha perda notable e constante do número de habitantes, sobre todo a partir de 1970:  16 veciños (1607), 54 vc. e 228 hab. (1753), 50 vc. (1769), 46 vc. e 229 hab. (1836), 46 vc. e 249 hab. (1845), 373 hab. (1928), 76 vc. e 407 hab. (1965), 531 (1970), 313 (2000) e 217 (2016).

Conta con tres topónimos que son auténticas rarezas, posto que son únicos en Galicia: Artón, Saconde e Sandrexo.

A igrexa parroquial presenta planta de salón. No presbiterio e na sancristía atópanse os elementos arquitectónicos máis interesantes, con bóvedas de canón volteadas sobre pilastras. No ano 1729 fixéronse obras de ampliación e a espadana data de 1848.

No interior do templo temos tres retablos – o maior e dous laterais- moi sinxelos, os tres obras dun escultor local, Francisco Castro Agudín.

No retablo maior, neoclásico (de entre 1809 e 1819), destacan as imaxes de san Pedro, san Roque e santo Antonio. O retablo lateral N, tamén neoclásico, está dedicado á Virxe do Rosario (tamén de entre 1809 e 1819). No do lado S, dedicado á Virxe da Soidade, conserva elementos barroco-rococós (este de 1797). Os tres foron obra dun escultor radicado en Sandrexo, aínda que nunha das casas pertencentes á parroquia de Treos; chamábase Francisco Castro Agudín, e foi un artística moi prolífico, pois realizou, entre 1778 e 1820, retablos maiores e laterais para as igrexas de Vilar, Treos, Tines, Bamiro, Salto, Zas, Mira e Gándara.

Ata a construción da estrada de Zas a Baio, Vilar era un punto importante no camiño real entre Santiago e a zona central da Costa da Morte. Crese que é posible que a vella ponte da aldea de Vilar puidera ser, en orixe, de época romana.

En Pazos ten a súa orixe a familia fidalga dos Pazos que se estendeu polas Terras de Soneira e Nemancos emparentándose con outras importantes familias fidalgas da zona.

Aínda que por cinrcunstancias especiais, nacera en Madrid, un personaxe moi importante desta parroquia foi José López Pérez, fillo dun sarxento do exército español, natural de Artón, quen chegou a ser presidente do Centro Galego de La Habana (1907), cofundador da Real Academia Galega (1906), tamén en La Habana. El foi quen trouxo os restos mortais de Manuel Curros Enríquez desde esa cidade ata a Coruña (1908). Tan unido a Artón se sentía –pois pasara aquí parte da súa infancia- que nesta viaxe de abril de 1908 visitou con seu pai o lugar, onde seica foi recibido triunfalmente.

08 vilar

Máis info sobre Vilar

Galería de fotos de Vilar

Festas en Vilar

    • 29 e 30 de xuño, festas patronais na honra a San Pedro e a San Roque, respectivamente, con novena, misa grande e procesión.

    • Luns de Pascua, Santa Rita, con misa, procesión e xantar na casa.

    • 13 de xuño, Santo Antonio.

    • Domingo antes de San Pedro, o Sacramento, cunha procesión cara o campo da festa.

    • Segundo domingo de outubro, a Virxe do Rosario.

Vilar en Zas Polo Miúdo

Descubre os capítulos adicados á parroquia de Vilar na gran obra de Xosé María Lema e Evaristo Domínguez chamada "Zas Polo Miúdo" que constitúe unha pequena enciclopedia sobre o Concello de Zas.

Localización da parroquia de Vilar

As parroquias do Concello de Zas

O Concello de Zas está composto por 16 parroquias que conservan a esencia da vida rural galega. Cada unha delas achega tradicións, patrimonio e paisaxe, formando un mosaico diverso que dá identidade e riqueza cultural ao municipio.

Agradecemento especial a Xosé María Lema e Evaristo Dominguez, autores do libro “Zas Polo Miúdo” do cal se extraxeron os textos para realizar os textos de cada unha das parroquias do Concello de Zas.

  • Zas

Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.