Meanos

Parroquia de Meanos no Concello de Zas

San Martiño de Méanos é a parroquia máis extensa do Concello de Zas e conta cos seguintes núcleos de poboación: A Atalaia, As Edreiras (que civilmente pertence a Meanos e eclesiasticamente a Santo Adrián de Castro), Froxán, Langueirón, A Mámoa, Maxín, Meanos, Rial de Arriba, San Martiño, Vila e Vilar de Lamas que no ano 2016 contaban con 489 habitantes en total.

A súa igrexa parroquial, cuxas formas responden á arquitectura barroca do séc. XVIII,  atópase no centro da parroquia e chama a atención pola súa fachada que é toda de cantería, polo seu prebisterio e mais polo seu retablo barroco-rococó. No seu exterior foi descuberto no ano 1990 durante unhas obras de restauración da igrexa un santo Cristo xigantesco que fora enterrado, posiblemente ao ser retirado do culto,baixo o chan dunha das construcións acaroadas á igrexa, seguramente con motivo dunha transformación que sufriu a igrexa nos anos finais do s. XVIII. Trátase dunha imaxe pétrea de 1 m. 43 cm. de altura crucificado con tres cravos sobre unha cruz que xa non se conserva.

Consideramos que esta figura foi esculpida a mediados do séc. XVII e pódese encadrar dentro do estilo barroco, a pesar de que aínda se aprecian nela características moi acentuadas do estilo anterior.  É unha peza única na Terra de Soneira que destaca sobre todo polo seu tamaño.

O achádego foi recibido con moita ledicia e agarimo polos veciños e veciñas de Meanos, tomándoo como algo propio da parroquia, destinando para o seu culto o mesmo lugar onde se atopou (unha caseta) e mesmo lle crearon unha festa popular, que se celebra o domingo seguinte ao 5 de xuño.

Mención especial merece tamén o couto e pazo das Edreiras, onde confluíron os apelidos fidalgos dos Bermúdeze dos Leis, presenta unha aparente planta en -L- e no seu interior destaca a cociña, coa súa lareira, e a antiga tulla, hoxe reconvertida en sala de estar.

Un feito histórico curioso en Meanos foi o preito que orixinou o millo vido de América entre dous veciños “innovadores” e outros 28 que se senten prexudicados, feito do que se fala nun curioso documento de 1684 e que foi publicado polo historiador xalleiro B. Barreiro Mallón, no seu libro La Jurisdicción de Xallas en el siglo XVIII (1978).

Cómpre lembrar a popular banda de música que houbo en Meanos (polos anos corenta e cincuenta) conformada por veciños desta parroquia e das da contorna, case todos eles labregos de profesión e que amenizou moitas das festas da redonda.

04 meanos

Máis info sobre Meanos

Galería de fotos de Meanos

Festas en Meanos

    • 19 de marzo, festa de San Xosé

    • 13 de xuño, festa de San Antón

    • 10 de agosto, festa da Virxe do Carme

    • 11 de agosto, festa do Sacramento

    • 11 de novembro, festa do patrón San Martiño

    • 13 de decembro, festa de Santa Lucía

Meanos en Zas Polo Miúdo

Descubre os capítulos adicados á parroquia de Meanos na gran obra de Xosé María Lema e Evaristo Domínguez chamada "Zas Polo Miúdo" que constitúe unha pequena enciclopedia sobre o Concello de Zas.

Localización da parroquia de Meanos

As parroquias do Concello de Zas

O Concello de Zas está composto por 16 parroquias que conservan a esencia da vida rural galega. Cada unha delas achega tradicións, patrimonio e paisaxe, formando un mosaico diverso que dá identidade e riqueza cultural ao municipio.

Agradecemento especial a Xosé María Lema e Evaristo Dominguez, autores do libro “Zas Polo Miúdo” do cal se extraxeron os textos para realizar os textos de cada unha das parroquias do Concello de Zas.

  • Zas

Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.