Zas-VeranZas2025

Este sábado comeza a completa programación do “Verán en Zas” cunha gran festa infantil

Todas as actividades, excepto a excursión ao Aquapark de Cerceda, son gratuítas

Ao igual que nos últimos anos, este sábado arranca a programación do “Verán en Zas”; un completo programa de ocio e tempo libre organizado polo Concello de Zas con actividades para todos os públicos e en diferentes localizacións do noso municipio.  

“Este ano, ao igual que nos anteriores, deseñamos para toda a nosa veciñanza un completo programa de actividades que arranca este sábado e que se estenderá ata o mes de setembro no que temos andainas, música, excursións,…”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. 

A programación do “Verán en Zas” comeza xa este sábado cunha gran festa infantil que celebraremos no campo de fútbol e na piscina municipal de Zas na que teremos inchables, festa da escuma, obradoiros, música… e unha merenda con flocos de millo. Será de 16:00 a 20:00 horas e a entrada é de balde. 

Concertos e outros espectáculos 

Música nas Torres: Os Monifantes ofrecerannos o 12 de xullo un concerto para o público xeral e familiar nas Torres do Allo. Será ás 20:00 horas e é de balde. 

Concerto na Ponte: O día 19 de xullo trasladerémonos á Ponte de Brandomil onde Comando Coruxás nos ofrecerá un concerto gratuíto ás 22:00 horas. 

Circo na Fonte de Fornelos: o 2 de agosto poderemos ver un espectáculo de circo na Fonte de Fornelos a partir das 20:00 horas. 

Deportes 

Día da bici: o 20 de xullo celebramos o día da bici cun roteiro polo noso municipio que sairá ás 10:30 horas da Praza do Concello. A actividade rematará cunha merenda e para participar é necesario anotarse previamente. 

Cursos de natación: durante os meses do verán realizaremos diferentes cursos de natación para todas as idades nas piscinas municipais de Zas e de Baio. Proximamente concretaremos os horarios. 

Trail Nocturno Cova do Lobo: o 16 de agosto, xunto coa AD Monte Brondo, organizamos o Trail Nocturno Cova do Lobo coas seguintes probas: trail nocturno, pequetrail e unha andaina nocturna. Podedes ampliar información e anotarvos en www.empa-t.com 

XXXIV Trofeo de Fútbol do Concello de Zas: o 7 de setembro xogarase o XXXIV Trofeo de Fútbol Concello de Zas no campo municipal Platas Reinoso de Baio. 

Torres do Allo 

As Torres do Allo serán outro dos puntos centrais da programación de verán. Ademáis do concerto do día 12 de xullo temos preparadas estas outras actividades: 

Visitas guiadas: todos os días realizamos visitas guiadas gratuítas ás 13:00 e ás 17:00 horas. O pazo máis antigo de Galicia está aberto todos os días do verán. 

Visitas teatralizadas: Todos os domingos de xullo e agosto teremos unha visita teatralizada nas Torres do Allo. Será ás 19:30 horas. De balde. 

Exposición temporal “Riobóo, a saga do Allo”. Todos os días poderá visitarse na Sala de Exposicións unha mostra sobre a última familia que residiu no pazo. 

Scape Room do Allo: todos os días poderase realizar un scape room nas Torres do Allo. É necesario concretar a data e o horario dispoñibles en info@torresdoallo.gal 

Mercado de San Ramón: o 31 de agosto celebraremos o tradicional mercado de San Ramón na contorna das Torres do Allo con merendas, feira de artesanía, obradoiros, unha sesión vermú amenizada por Unto Vello e un concerto infantil da man de Cé Orquesta Pantasma. 

Andainas e excursións 

Excursión a Aquapark Cerceda: o 18 de agosto realizaremos unha excursión ao Aquapark de Cerceda dirixida á rapazada nada entre o 2006 e o 2015. A saída será ás 10:00 horas dende a Praza do Concello de Zas e ás 10:15 horas dende o Torre Penedo de Baio. Esta é a única actividade de pago de toda a programación, cun custe de 10€/persoa. 

“Zas a pé”: os días 12 e 19 de xullo e 1 de agosto realizaremos unhas andainas polo noso municipio. Serán gratuítas e é necesario anotarse previamente. 

Visitas guiadas ao Patrimonio Arqueolóxico de Brandomil: Todos os luns, mércores e venres (ata o 31 de agosto) realizaremos ás 12:00 horas unha visita guiada ao Patrimonio Arqueolóxico de Brandomil. Para participar é necesario inscribirse previamente a través do formulario https://bit.ly/visitasbrandomil25 ou chamando ao 981 71 80 56.

E ademáis de todas estas actividades, do 4 ao 9 de agosto teremos unha completa Semana Cultural como antesala á 40ª Festa da Carballeira. 

Todas as persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades poden ampliar información e facer as inscricións, no caso de ser necesaria, nos Centros Socioculturais de Zas e de Baio (981 751 398 / 981 718 056) en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas

Zas VeranZas2025
Comparte en redes

Últimas novas publicadas

29 Xaneiro, 2026
O Concello de Zas informa da apertura do prazo de inscrición para a oitava edición da Universidade Sénior da Coruña na Costa da Mo...
28 Xaneiro, 2026
A Real Academia Galega e o Concello de Zas presentarán o vindeiro venres, 6 de febreiro, ás 20:00 horas, a obra ‘Toponimia de Zas’...
18 Xaneiro, 2026
O Concello de Zas presentou hoxe a súa nova páxina web municipal, que xa está dispoñible no dominio concellodezas.gal. Trátase dun...
16 Xaneiro, 2026
O Concello de Zas presentará este sábado, 17 de xaneiro, a súa nova páxina web municipal, que pasará a estar dispoñible no dominio...
15 Xaneiro, 2026
O Concello de Zas, a través da área de Cultura, inaugura este venres, 16 de xaneiro, unha nova exposición no Centro Sociocultural ...
14 Xaneiro, 2026
O Concello de Zas pon en marcha esta semana unha campaña integral de recollida e reciclaxe de envases de vidro dirixida ao sector ...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.