bautizo-centro-saude-baio-manuel-perez-marono

O Centro de Baio xa leva o nome de “Dr. Manuel Pérez Maroño”

Centro de Saúde Dr. Manuel Pérez Maroño. Este é o novo nome do consistorio de Baio co que o Concello de Zas e a veciñanza queren renderlle homenaxe a don Manolo, o médico de familia da vila que exerceu a profesión durante máis de 40 anos cando as condicións e os medios eran escasos.

Foi un acto cheo de emotividade e con moita carga simbólica. “Hoxe hai 20 anos que nos deixou”, sinalou o seu fillo Braulio Pérez Astray e autor do libro “Médicos e medicina rural na Costa da Morte. A figura do doutor Manuel Pérez Maroño”. Definiuno como un “traballador incansable” e deulles grazas a todos os veciños e a toda Corporación Municipal do Concello de Zas por facer que “este centro de saúde, polo que tanto loitou, leve o seu nome”. 

Foron precisamente os tres grupos que forman a Corporación Municipal de Zas os que sacaron adiante esta iniciativa nunha moción conxunta aprobada no Pleno Ordinario do pasado 28 de marzo. E entre o público asistente ao acto, no que había unhas 100 persoas, atopábase tamén unha boa parte dos representantes municipais xunto con familiares de Maroño e veciñanza.

“Se hoxe estamos aquí rendéndolle homenaxe a don Manolo é porque temos un centro de saúde recén reformado grazas á vontade da Asociación de Veciños Tabeirón, que é a propietaria deste edificio emblematico”; sinalou o Alcalde, Manuel Muíño. O Concello de Zas, xunto coa Consellería de Sanidade, levou a cabo a reforma integral do consistorio cunha importante ampliación das súas instalacións. Muíño, que se emocionou en varios momentos da súa intervención ao recordar algunhas das anécdotas de Manuel Pérez Maroño, destacou a figura do médico e tamén a de Agra Regueiro, a quen se lle adica o nome deste emblemático edificio. “Foron dous homes de ciencia; que pelexaron respectivamente pola mellora da educación e da sanidade”, indicou Muíño.

Durante o acto tamén interviu Alfonso Villar López, presidente da Asociación de Veciños Tabeirón no momento en que cederon unha parte das instalacións ao Concello de Zas para a construcción dun centro de saúde para a vila aló polos anos 90. Villar aproveitou a ocasión para destacar que “o novo nome do centro de saúde fai honra a don Manolo por todo o seu compromiso pola mellora continua dos servizos”.

Santiago López Blanco, profesor no colexio de Baio durante os anos 70, fíxose amigo de Manuel Pérez Maroño despois de levar un estudante á súa consulta. Sorprendeulle a súa cercanía e tamén aproveitou a súa intervención para loar a figura de don Manolo e contar algunha anécdota vivida con el. Rematou dando os parabéns ao Concello de Zas e á vila de Baio “porque un pobo que recoñece ás súas persoas hónrase a sí mesmo”.

Manuel Barral, médico de familia e ex-Alcalde de Cabana de Bergantiños, coñeceu a Manuel Pérez Maroño durante os cursos de formación continua de médicos rurais que se celebran en Baio e dos que foi promotor. “En Baio impartíase cátedra. Ata aquí viñan algúns dos mestres máis relevantes da Universidade a impartir clases”, sinalou Barral durante a súa intervención. “A súa cercanía, o seu trato e a súa dispoñibilidade foi o que máis me chamou a atención del”, destacou Barral. E tamén aproveitou para recordar as épocas nas que don Manolo pasaba consuta onde os medios eran case inexistentes. 

Durante o acto de homenaxe ao Dr. Manuel Pérez Maroño tamén interviu Juan Gestal Otero, Catedrático Emérito da USC e que colaborou co médico de Baio en múltiples ocasións. “Exerceu nunha época de grandes necesidades e carencias e sen horarios” sinalou Gestal a quen definiu a don Manolo e aos médicos do rural como auténticos “heroes silenciosos”.

O acto rematou co descubrimento da placa que dende onte loce na entrada do consistorio “Centro de Saúde Dr. Manuel Pérez Maroño”. 

 

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

15 Marzo, 2026
O Concello de Zas presentou hoxe, sábado 14 de marzo, a programación cultural das Torres do Allo para o ano 2026, unha proposta qu...
14 Marzo, 2026
O Concello de Zas aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal municipal, un documento clave para a o...
10 Marzo, 2026
O Concello de Zas abre o prazo de inscrición para participar na IX Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”, unha cita cultural...
1 Marzo, 2026
O Concello de Zas organiza un compendio de actividades nos centros educativos da localidade no marco da conmemoración do 8M, Día I...
26 Febreiro, 2026
O Centro Sociocultural de Zas acollerá o vindeiro venres, 6 de marzo, a partir das 12:00 h, o presentación da campaña contra a ves...
25 Febreiro, 2026
O Centro Sociocultural de Baio acollerá o vindeiro sábado, 28 de febreiro, ás 18:30 h, a inauguración da mostra fotográfica e de p...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.