baio-ten-as-letras-2025

“Baio ten as Letras”: unha nova páxina para a décima edición dun evento xa consolidado

O vindeiro mes de maio, a vila de Baio celebrará a décima edición dun dos eventos máis recoñecidos da zona, que ao longo dos anos logrou consolidarse como unha cita
ineludible para veciñanza e visitantes. O que naceu como “Baio ten a Pelota”, aproveita o décimo aniversario para evolucionar agora co nome de “Baio ten as Letras”, mantendo a esencia que o fixo popular e engadindo novos contidos culturais para enriquecer a proposta.

Esta transformación responde á vontade de manter vivo un evento que forma parte da identidade de Baio, apostando pola renovación con sentido, sen esquecer o pasado. A décima edición será, así, unha celebración especial que combina tradición e novidade, co obxectivo de seguir facendo medrar a vila a través da cultura, o comercio e a participación social.

Actividades principais
A programación desenvolverase os días venres 9, sábado 10 e domingo 11 de maio e incluirá os elementos que fixeron desta celebración un éxito ano tras ano:

• Descontos de ata o 20 % nas tendas locais participantes
• Ruta gastronómica de tapas nos bares da vila
• Animación nas rúas durante toda a fin de semana
• Moitas actividades infantís orientadas ao público familiar

Feira das Letras: a gran novidade
Entre as novidades desta edición destaca a posta en marcha da “Feira das Letras”, que se celebrará na carpa situada na Praza Jorge Mira. Este espazo acollerá:

• Postos de venda de libros e artesanía relacionada coa lectura
• Cinco presentacións de libros a cargo de autores convidados
• Unha exposición fotográfica centrada na memoria visual do Concello
• Obradoiros infantís, como o de creación de marcapáxinas, entre outras propostas

Premios, sorteos e natureza
Como é habitual, todas as compras realizadas nos establecementos adheridos e as consumicións da ruta de tapas permitirán acumular cuños para participar en sorteos de
premios económicos ao rematar a campaña.

Ademais, organizarase unha andaina polo “Carreiro do Río”, unha ruta de sendeirismo recentemente homologada. Esta actividade require inscrición previa gratuíta e rematará
cunha sesión vermú benéfica na propia Praza Jorge Mira.

Un evento organizado por BaiOn Asociación e Concello de Zas
“Baio ten as Letras” está organizado polo Concello de Zas e a recentemente creada BaiOn Asociación, unha nova entidade que xorde tras a disolución da anterior asociación de
comerciantes, coa intención de revitalizar e coordinar as iniciativas do tecido comercial local.

A nova asociación está aberta á participación de todos os establecementos de Baio que desexen formar parte dun proxecto común orientado a dinamizar a vila e fortalecer o seu
papel como referente cultural e comercial na comarca.

Toda a información relativa ao evento pode consultarse nas redes sociais oficiais da BaiOn Asociación e do Concello de Zas.

Banner Actividade Subvencionada pola Deputación da Coruña
Comparte en redes

Últimas novas publicadas

3 Novembro, 2026
O Concello de Zas resultou beneficiario dunha subvención ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2026 para a contratación dunha persoa ...
31 Outubro, 2026
O Concello de Zas contará durante o curso 2026-2027 cunha nova edición do programa ‘Os Ratos de Lonxedetodo’, desenvolvido por Tri...
24 Outubro, 2026
Baio acolle desde onte, xoves 22 de outubro, a sexta edición dos Premios Fouciño, un festival dedicado ao audiovisual galego que e...
18 Outubro, 2026
O Concello de Zas porá o broche final á programación do ciclo ‘Afiando Fouciños’ o vindeiro domingo, 18 de outubro, coa proxección...
9 Outubro, 2026
O Concello de Zas oponse á decisión do Instituto Nacional de Estatística (INE) de fusionar as mesas electorais da parroquia de Muí...
6 Outubro, 2026
O Centro Sociocultural de Baio inaugurou esta fin de semana unha nova tempada de exposicións despois do parón habitual durante os ...
Logo concello de zas colorido
Política de privacidade

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che parecen máis interesantes e útiles.