A Ruta dos Pazos lévanos polos camiños da historia nobiliaria de Zas, cando as familias fidalgas dominaban terras e xurisdicións baixo o réxime foral. Entre os séculos XVII e XIX, os pazos ampliáronse e adornáronse con elementos barrocos, converténdose en símbolos de poder e prestixio.
O percorrido abrangue algúns dos pazos máis representativos, como as Torres do Allo, exemplo pioneiro e sorprendente pola súa arquitectura gótica-renacentista, ou as Torres de Romelle, rodeadas dunha muralla e con xardíns que evocan un auténtico castelo. Tamén destacan o Pazo das Edreiras e o de Follente, ligados a familias como os Caamaño, os Leis ou os Moscoso.
A ruta complétase coa visita a igrexas, cruceiros, cabazos, pombais e muíños que forman parte da paisaxe fidalga e que amosan como os pazos eran auténticos centros de vida social e económica. Os escudos, capelas e xardíns falan dun tempo de esplendor e dunha estética que aínda hoxe sorprende.
Este percorrido é unha oportunidade única para mergullarse na arquitectura señorial e na historia social da comarca, recoñecendo a pegada que a fidalguía deixou en Zas e na Costa da Morte.