Onte inaugurouse unha exposición permanente na que se pode contemplar documentación orixinal do escritor
O Centro Sociocultural de Baio acolleu onte a inauguración da exposición permanente do legado de Enrique Labarta Pose promovida polo Concello de Zas. Cómprense así as dúas condicións – que estivera en Baio e exposto ao público – que puxeron as irmáns Olga e Teresa Rojo despois de que no pasado mes de agosto cederan ao Concello de Zas a documentación orixinal de Labarta Pose herdada polo seu irmá “Pepe Valiña”.
Durante o acto inaugural, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, resaltou o gran valor histórico desta documentación entre a que se atopan libros do século XIX, revistas, primeiras edicións, recortes de xornais,… O filólogo Chema Rei Lema foi o encargado da catalogación e durante a presentación da mostra – que se pode ver de luns as venres en horario de tarde – debullou algúns dos detalles máis destacados do material.
No acto de inauguración tamén interviu Jorge Mira, portavoz da Comisión Labarta Pose – quen asegurou que este era un chanzo máis para que na Real Academia Galega soase cada vez con máis forza o nome de Labarta e conseguir así o merecido Día das Letras Galegas para o escritor baiés.
Exposición itinerante
Nestes momentos a exposición itinerante sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose – inaugurada no pasado mes de xullo no paseo fluvial de Baio – está camiño do IES Maximino Romero de Lema de Baio despois do seu paso polo CEIP da vila. Pasados uns días, partirá cara o CIP de Zas e para outros centros educativos da comunidade para que os máis novos coñecezan e traballen as diferentes obras do escritor baiés.