cartel-foucino-2025_final-scaled-1

O festival de curtametraxes Premios Fouciño arranca mañá cunha nova edición máis social

Entre mañá e o sábado, Baio será a capital galega do audiovisual coa celebración da V edición dos Premios Fouciño que este ano pon o foco no “social, no innovador e sempre partindo desde o carácter local e íntimo das historias que se volven universais”, afirman desde a organización. 

Este é un festival de curtametraxes no que participan profesionais e novos talentos de toda a comunidade e que está organizado polo Concello de Zas e a Asociación Premios Fouciño, coa colaboración da Deputación da Coruña. A maior parte das proxeccións e outras actividades paralelas terán lugar no baixo do Edificio Plaza (ao carón de Pastelería Guindas).

O festival arranca mañá xoves, a partir das 20:00 horas, cunha sesión inaugural na que estará o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. A continuación, proxectarase a curta “Pura”, de Carmen Méndez, madriña desta edición, e haberá un coloquio coa directora. 

O venres continuará a programación a partir das 20:00 horas cunha sesión de proxección de curtas entre as que estarán “Delincuente”, de Alba Domínguez e Nuria Vil; “O Coidado”, de Miguel Canalejo; “Abellón”, de Fon Cortizo; e “La Casa de la Abuela”, de Ashling Ocampo. A sesión rematará coa actuación de Sofi Peries e cun karaoke cinéfilo no que haberá xurado, premios e queimada. 

O sábado será o día grande dos Premios Fouciño. Ás 13:00 horas haberá dúas proxeccións: “Un peixe é un peixe é un peixe”, de Marilar Aleixandre e Alberto Pombo; e tamén se proxectará a curtametraxe realizada durante o obradoiro infantil coincidindo coa campaña comercial Punto Rojo de Baio, tamén organizada polo Concello de Zas e a Asociación BaiOn. Ademais, o baiés Alejandro Gándara amosará en exclusiva as primeiras imaxes da súa última peza ‘A costa e os castelos’. Para rematar esta primeira cita do día actuarán Ramón Carballo e DJ Tristón. 

Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, proxectaranse as doce curtametraxes que participan no certame – seis na categoria xeral e seis na categoría escolar -. O público terá aquí un papel relevante xa que emitirá as súas votacións das curtametraxes e do concurso de escaparates no que participaron diferentes establecementos comerciais da vila. 

O fin de festa trasladarase á Praza Jorge Mira, onde a partir das 22:00 horas se realizará a entrega de premios que estará acompañada dunha sesión de concertos na que actuarán Antía Muíño, Ulex, 9Louro e ToñitaDJ. 

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, destaca a importancia que ten este certame para Baio e para todo o municipio: “detrás dos Premios Fouciño hai unha grande implicación tanto da veciñanza e como do tecido comercial, e iso fai que o noso municipio sexa un referente no sector audiovisual galego, un espazo no que teñen cabida tanto profesionais como novos talentos”. 

Últimas novas publicadas

19 June, 2026
Un total de 124 nenos e nenas participarán nos Campamentos de Verán 2026 organizados polo Concello de Zas, unha cifra que confirma...
12 June, 2026
Os alcaldes de Cabana de Bergantiños, Laxe e Zas manterán a vindeira semana unha reunión de traballo co obxectivo de coordinar pos...
10 June, 2026
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e a concelleira de Educación, Pilar García, mantiveron unha reunión de traballo coas ANPAs do CEIP...
7 June, 2026
O Concello e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos celebraron onte unha reunión informativa cos veciños de Fornelos para ana...
6 June, 2026
A Casa do Concello de Zas acolleu esta tarde a presentación oficial da 57ª edición de Feirauto, un dos eventos máis consolidados d...
6 June, 2026
O Concello de Zas acollerá o domingo, 14 de xuño, a XVII Concentración de Motos Antigas de Zas, unha cita xa consolidada no calend...