Apatacón presentou esta mañá no IES de Maximino Romero de Lema de Baio o seu espectáculo “Por unha peseta” ao que asistiron 100 alumnos e alumnas do centro educativo baiés e do CPI de Zas
Despois da conmemoración do Día Intenacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas, que tivo lugar o pasado domingo 25 de novembro, o Concello de Zas continúa organizando actividades de sensibilización entre a veciñanza que se enmarcan no programa “En Negro contra as Violencias”.
Onte xoves, 29 de novembro, volveu a ser o turno dos alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO do IES Maximino Romero de Lema e do CPI de Zas que asistiron ao espectáculo músico-teatral “Por unha peseta” de Apatacón; un grupo de recente creación formado por Vero Rilo e por Faia Díaz (ainda que hoxe a sustituíu Paula Romero). Cunha linguaxe que non deixou indiferente a ningún dos máis de 100 estudantes e cunha esencia propia, as dúas artistas contaron (e cantaron) varias historias sobre o valor das cousas e das pesetas en particular.
A actividade, coordinada polo Concello de Zas, realizouse a última hora da mañá na sala de Usos Múltiples do IES de Baio. Entre os espectadores estaba tamén o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, ademais de parte do profesorado do centro educativo de Baio e de Zas.
Outra das actividades que están programadas é o obradoiro “Escoita o meu son”, do programa “Quen dixo medo da Deputación da Coruña”, dirixido ao alumnado de 3º da ESO do IES de Baio e do CPI de Zas e que se desenvolverá no mes de xaneiro.