O Concello de Zas acollerá este martes, 24 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro Sociocultural de Baio, o acto de clausura e entrega de diplomas da oitava edición do Programa de Democratización do Coñecemento, unha iniciativa impulsada pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixida a persoas maiores de 50 anos da Costa da Morte.
Nesta edición participaron preto de 80 persoas, que tomaron parte nesta proposta formativa desenvolvida durante os meses de febreiro e marzo no propio Centro Sociocultural de Baio, coa colaboración do Concello de Zas.
O acto contará coa presenza do presidente do GDR Costa da Morte e alcalde de Zas, Manuel Muiño; da directora da Universidade Sénior, Matilde García; e da adxunta á dirección, Susana Iglesias.
Cómpre salientar que Zas foi o primeiro concello en acoller este programa no ano 2018, converténdose así en pioneiro na posta en marcha desta iniciativa de formación universitaria para persoas maiores na Costa da Morte.
O alcalde de Zas, Manuel Muiño, destacou “a importancia de seguir apostando por iniciativas que achegan o coñecemento e a formación á veciñanza, independentemente da idade”. Ademais, subliñou que “é un orgullo para Zas ter sido o punto de partida deste programa e continuar formando parte del, ofrecendo oportunidades de aprendizaxe e participación activa ás persoas maiores do noso municipio e da comarca”.
