As Torres do Allo pechan o 2018 con 9000 visitantes e superan en máis de 1700 persoas a súa marca

O Concello de Zas deseñou unha ampla oferta cultural con actividades novidosas como o Escape Room que permitiron este incremento no rexistro do número de visitas

 

As Torres do Allo recibiron ao longo do 2018 algo máis de 9000 visitantes, unha cifra coa que continúa o seu incremento de visitas emprendido dende que o Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, decidise dar un xiro na xestión do monumento. “As Torres do Allo ocupan xa un lugar destacado na lista dos monumentos máis visitados da provincia de A Coruña grazas ao atractivo patrimonial e natural deste espazo e tamén á crecente oferta cultural que alberga”, sinala Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura. Con respecto ao ano anterior, data na que se bateron marcas, o número de visitantes incrementouse en algo máis de 1700 persoas. O cal se traduce nun 23% máis.

Con estas cifras, cumpriuse un dos obxectivos marcados polo Concello de Zas para este 2018 que foi aumentar o número de visitantes e converter así o pazo nun dos monumentos turísticos máis visitados da provincia. Para iso deseñou un completo programa de actividades culturais con carácter anual composto por máis de 20 citas dirixidas a diferentes públicos e idades. Ao longo do 2018, os visitantes puideron desfrutar da música, das visitas teatralizas, dunha mostra do traxe tradicional típico da Terra de Soneira, dunha exposición sobre a figura de Víctor Seoane, do xogo de pistas, dun mercado tradicional, do día do xogo tradicional, dun magosto, das monografías, dun concurso de fotografía, de visitas didácticas,… e doutras actividades de gran éxito e únicas na zona como o “Pazo Escape”. Este xogo de pistas e de aventuras para realizar en grupo, baseado no Escape Room, púxose en marcha no pasado mes de xuño e aos poucos días de abrir as inscricións xa se esgotaron todas as prazas disponibles. A través dunha historia sobre o monumento, os xogadores deberían saír da instancia nun tempo limitado. Con esta actividade, conseguiuse que o público local e con con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos se achegase ata o pazo e descubrir a súa historia dun xeito lúdico e pouco habitual.

 

Ao igual que nos anos anteriores, os meses de maior afluencia foron xullo e agosto, onde se concentrou case un 40% do público total. Mais tamén marzo, maio, setembro e novembro presentaron boas cifras de visitantes grazas ás actividades especiais que se realizaron no pazo.

Os datos son moi equilibrados en canto á procedencia dos visitantes. Un 30,7% achegouse a Zas dende todas partes de Galicia; un 26,2% residía da Costa da Morte; un 22% correspondeuse co público chegado do resto do Estado; un 16,8% constituírono os propios veciños e veciñas de Zas; e un 2,6% viñeron visitar as Torres do Allo dende outros países de Europa e do Mundo. Unha alta porcentaxe de persoas que visitaron o pazo e a súa contorna fixérono en familia (un 26,9% que se traduce en 553 familias). Pola súa banda, máis de 700 parellas decidiron que esta bucólica paisaxe perfectamente conservada tiña que formar parte do seu percorrido (34,1% do total). Mentras que 620 grupos informais (un 30,3%) visitaron as Torres e gozaron das visitas guiadas específicas e o 8,6% restante fíxoo de forma individual. En canto á idade dos visitantes, destaca que máis da metade das persoas que se achegaron a visitar o monumento ao longo do 2018 foi público adulto, cunha idade comprendida entre os 30 e os 65 anos. O 18% correspondeuse co público en idade escolar, maiormente como parte do programa didáctico das Torres do Allo, entre os 5 e 15 anos. O público senior, de máis de 65 anos, constituíu un 16,8% do total; mentres que os mozos e mozas de 16 a 29 anos supuxeron un 10%. Os nenos e nenas de 0 a 4 anos representaron o 4% desas 9000 visitas.

Ao longo deste 2019 o Concello de Zas continuará coa súa aposta por este espazo turístico, polo que xa se están pechando algúns dos programas que se desenvolverán aquí nos próximos meses. Un dos que continúa activo é o programa didáctico específico para os centros de ensino con unidades didácticas adaptadas a cada ciclo escolar.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

1 marzo, 2026
O Concello de Zas organiza un compendio de actividades nos centros educativos da localidade no marco da conmemoración do 8M, Día I...
26 febrero, 2026
O Centro Sociocultural de Zas acollerá o vindeiro venres, 6 de marzo, a partir das 12:00 h, o presentación da campaña contra a ves...
25 febrero, 2026
O Centro Sociocultural de Baio acollerá o vindeiro sábado, 28 de febreiro, ás 18:30 h, a inauguración da mostra fotográfica e de p...
18 febrero, 2026
O Concello de Zas celebrou un ano máis o Entroido cunha ampla programación lúdica e cultural dirixida a todos os públicos, na que ...
17 febrero, 2026
O Concello de Zas vén de poñer en marcha un Directorio Empresarial dentro da renovada páxina web municipal, unha iniciativa estrat...
15 febrero, 2026
Máis dun centenar de veciños e veciñas do concello de Zas acudiron á reunión convocada polo goberno municipal e deixaron clara a s...
Logo concello de zas colorido
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.