Zas_polo_miudo_presentacion_libro

Presentado o libro “Zas polo miúdo” que recolle a historia e a información máis relevante das 16 parroquias do noso municipio

  • A obra está a disposición de toda a veciñanza para a súa consulta na biblioteca municipal de Zas e na de Baio
  • Os autores, Xosé Mª Lema e Evaristo Domínguez, teñen en marcha unha 2ª parte deste proxecto no que se recolle a historia oficial do Concello a través das actas municipais

 

 

O Centro Sociocultural de Zas acolleu onte pola mañá a presentación do libro “Zas polo miúdo” no que se recolle información detallada das 16 parroquias que compoñen o noso municipio. Acompañada de máis de 400 fotografías, mapas e moitos outros datos fan que este libro se converta nun manual de consulta para toda a veciñanza. Xosé María Lema e Evaristo Domínguez Rial son os autores do libro xunto coa colaboración de Xosé Mª Rei Lema. 

Este foi un proxecto que naceu no 2015 impulsado por Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura entre o 2015 e o 2019. A idea xurdiu coa finalidade de dar a coñecer a historia de cada unha das parroquias do noso municipio e de poñer en valor o seu patrimonio formado por unha gran cantidade de igrexas, pazos, castros, mámoas, dolmens, carballeiras, fervenzas, ríos… A primeira parte deste traballo realizouse a través da páxina web e das redes sociais do Concello de Zas onde dende finais do 2016 se publicou mes a mes información sobre cada unha das parroquias. Dende entonces e até agora esta sección da web municipal recibiu unhas 10.000 visitas. “Este é un dos proxectos dos que me sinto máis orgulloso”, sinalou Velo durante a súa intervención. 

Grazas á colaboración da Deputación da Coruña, o proxecto trasladouse ao formato papel. “Zas polo miúdo é unha obra de lectura e de consulta”, sinalou Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña, durante o acto de presentación do libro. Regueira anunciou outros convenios do ente provincial co Concello de Zas que se levarán a cabo proximamente para darlle un novo impulso á promoción das Torres do Allo e da ponte de Brandomil. Regueira agradeceulle aos autores de “Zas polo miúdo” o seu traballo que o calificou de exemplo para o resto dos municipios da provincia. 

Durante o acto de presentación do libro interviron os autores, Xosé María Lema e Evaristo Domínguez, que se encargaron de facer un repaso polos datos máis importantes que se recompilan na publicación. Ademais dunha ardua investigación, os autores apoiáronse en documentos de gran relavancia. Adiantaron que xa están traballando nunha segunda parte na que se recollerá a historia oficial do Concello de Zas a través das actas municipais. 

A situación sanitaria actual fixo que o acto de presentación do libro quedase reducido a un número limitado de asistentes, entre os que estaban representados unha boa parte do tecido social e cultural do noso concello. O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, foi o encargado de guiar o acto e despois de agradecer o traballo dos autores así como a iniciativa de Manuel García Velo e a colaboración da Deputación recoñceceu que “este libro é un referente para o noso concello que nos axuda a recuperar a nosa memoria histórica”. 

O volume, non venal, está a disposición da veciñanza en calquera das dúas bibliotecas municipais do Concello de Zas para a súa consulta. Ademais, proximamente poderá lerse no apartado de “Publicacións” da páxina web da Deputación da Coruña. Tania Carreira, Técnica de Turismo do Concello de Zas, encargouse da maquetación. 

 

 

Aproveitando a súa visita, Xosé Regueira, asinou o Libro de Honra do Concello de Zas na súa calidade de Vicepresidente da Deputación da Coruña.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

19 June, 2026
Un total de 124 nenos e nenas participarán nos Campamentos de Verán 2026 organizados polo Concello de Zas, unha cifra que confirma...
12 June, 2026
Os alcaldes de Cabana de Bergantiños, Laxe e Zas manterán a vindeira semana unha reunión de traballo co obxectivo de coordinar pos...
10 June, 2026
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e a concelleira de Educación, Pilar García, mantiveron unha reunión de traballo coas ANPAs do CEIP...
7 June, 2026
O Concello e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos celebraron onte unha reunión informativa cos veciños de Fornelos para ana...
6 June, 2026
A Casa do Concello de Zas acolleu esta tarde a presentación oficial da 57ª edición de Feirauto, un dos eventos máis consolidados d...
6 June, 2026
O Concello de Zas acollerá o domingo, 14 de xuño, a XVII Concentración de Motos Antigas de Zas, unha cita xa consolidada no calend...