O Concello de Zas presenta a programación do ciclo cultural ‘Mulleres e Territorio’, reafirmando o seu papel como referente cultural na comarca. Esta iniciativa propón un espazo de reflexión sobre a memoria, a identidade e o papel das mulleres na construción do territorio a través de distintas propostas culturais ao longo dos meses de marzo e abril.
A programación dará comezo o vindeiro sábado 28 de marzo coa proxección do documental ‘360 curvas’, dirixido por Alejandro Gándara e Ariadna Silva. A peza, finalista nos Premios Mestre Mateo, poderá verse ás 20:00 horas no Auditorio de Baio.
As actividades continuarán durante o mes de abril cunha variada proposta dirixida a diferentes públicos. O venres 10 de abril, ás 13:30 horas, o Auditorio de Zas acollerá a presentación do libro ‘Coralia e Maruxa’, de Cari Ca, nun encontro dirixido ao alumnado de Educación Secundaria do CPI de Zas. O sábado 18 de abril, ás 12:30 horas, será a quenda da presentación de ‘Que quede entre nós’, de Josefa Suárez Pereira, no Centro Sociocultural de Zas.
A programación pecharase a finais de mes con dúas actividades. O sábado 25 de abril, ás 20:00 horas, o Auditorio de Baio acollerá a presentación de ‘As tolas que non o eran’, de Carmen V. Valiña, nun acto no que tamén participará a directora do IES Maximino Romero de Lema, Ana Facal.
Por último, o xoves 30 de abril, terá lugar o obradoiro infantil ‘Ramas literarias’, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos. A actividade desenvolverase a partir das 15:30 horas no Auditorio de Baio e contará con prazas limitadas, polo que será necesaria inscrición previa no teléfono 981 718 056.
Este obradoiro enmárcase no programa de animación á lectura da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, que achega actividades ás bibliotecas da provincia co obxectivo de fomentar a creatividade e o gusto pola escritura entre a cativada. A través dunha proposta creativa baseada na metáfora das árbores, as persoas participantes poderán reflexionar sobre as historias máis significativas da súa vida lectora, empregando materiais diversos para dar forma ás súas propias creacións.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “con este ciclo queremos poñer en valor a memoria colectiva e o papel das mulleres como transmisoras de identidade e cultura no noso territorio”. Muíño subliñou ademais que “a programación combina distintas disciplinas e formatos para chegar a públicos diversos, desde a mocidade ata a infancia, reforzando o compromiso do Concello coa cultura como ferramenta de cohesión social”.
