bautizo-centro-saude-baio-manuel-perez-marono

O Centro de Baio xa leva o nome de “Dr. Manuel Pérez Maroño”

Centro de Saúde Dr. Manuel Pérez Maroño. Este é o novo nome do consistorio de Baio co que o Concello de Zas e a veciñanza queren renderlle homenaxe a don Manolo, o médico de familia da vila que exerceu a profesión durante máis de 40 anos cando as condicións e os medios eran escasos.

Foi un acto cheo de emotividade e con moita carga simbólica. “Hoxe hai 20 anos que nos deixou”, sinalou o seu fillo Braulio Pérez Astray e autor do libro “Médicos e medicina rural na Costa da Morte. A figura do doutor Manuel Pérez Maroño”. Definiuno como un “traballador incansable” e deulles grazas a todos os veciños e a toda Corporación Municipal do Concello de Zas por facer que “este centro de saúde, polo que tanto loitou, leve o seu nome”. 

Foron precisamente os tres grupos que forman a Corporación Municipal de Zas os que sacaron adiante esta iniciativa nunha moción conxunta aprobada no Pleno Ordinario do pasado 28 de marzo. E entre o público asistente ao acto, no que había unhas 100 persoas, atopábase tamén unha boa parte dos representantes municipais xunto con familiares de Maroño e veciñanza.

“Se hoxe estamos aquí rendéndolle homenaxe a don Manolo é porque temos un centro de saúde recén reformado grazas á vontade da Asociación de Veciños Tabeirón, que é a propietaria deste edificio emblematico”; sinalou o Alcalde, Manuel Muíño. O Concello de Zas, xunto coa Consellería de Sanidade, levou a cabo a reforma integral do consistorio cunha importante ampliación das súas instalacións. Muíño, que se emocionou en varios momentos da súa intervención ao recordar algunhas das anécdotas de Manuel Pérez Maroño, destacou a figura do médico e tamén a de Agra Regueiro, a quen se lle adica o nome deste emblemático edificio. “Foron dous homes de ciencia; que pelexaron respectivamente pola mellora da educación e da sanidade”, indicou Muíño.

Durante o acto tamén interviu Alfonso Villar López, presidente da Asociación de Veciños Tabeirón no momento en que cederon unha parte das instalacións ao Concello de Zas para a construcción dun centro de saúde para a vila aló polos anos 90. Villar aproveitou a ocasión para destacar que “o novo nome do centro de saúde fai honra a don Manolo por todo o seu compromiso pola mellora continua dos servizos”.

Santiago López Blanco, profesor no colexio de Baio durante os anos 70, fíxose amigo de Manuel Pérez Maroño despois de levar un estudante á súa consulta. Sorprendeulle a súa cercanía e tamén aproveitou a súa intervención para loar a figura de don Manolo e contar algunha anécdota vivida con el. Rematou dando os parabéns ao Concello de Zas e á vila de Baio “porque un pobo que recoñece ás súas persoas hónrase a sí mesmo”.

Manuel Barral, médico de familia e ex-Alcalde de Cabana de Bergantiños, coñeceu a Manuel Pérez Maroño durante os cursos de formación continua de médicos rurais que se celebran en Baio e dos que foi promotor. “En Baio impartíase cátedra. Ata aquí viñan algúns dos mestres máis relevantes da Universidade a impartir clases”, sinalou Barral durante a súa intervención. “A súa cercanía, o seu trato e a súa dispoñibilidade foi o que máis me chamou a atención del”, destacou Barral. E tamén aproveitou para recordar as épocas nas que don Manolo pasaba consuta onde os medios eran case inexistentes. 

Durante o acto de homenaxe ao Dr. Manuel Pérez Maroño tamén interviu Juan Gestal Otero, Catedrático Emérito da USC e que colaborou co médico de Baio en múltiples ocasións. “Exerceu nunha época de grandes necesidades e carencias e sen horarios” sinalou Gestal a quen definiu a don Manolo e aos médicos do rural como auténticos “heroes silenciosos”.

O acto rematou co descubrimento da placa que dende onte loce na entrada do consistorio “Centro de Saúde Dr. Manuel Pérez Maroño”. 

 

Bautizo centro saude baio manuel perez marono
Comparte en redes

Últimas novas publicadas

29 enero, 2026
O Concello de Zas informa da apertura do prazo de inscrición para a oitava edición da Universidade Sénior da Coruña na Costa da Mo...
28 enero, 2026
A Real Academia Galega e o Concello de Zas presentarán o vindeiro venres, 6 de febreiro, ás 20:00 horas, a obra ‘Toponimia de Zas’...
18 enero, 2026
O Concello de Zas presentou hoxe a súa nova páxina web municipal, que xa está dispoñible no dominio concellodezas.gal. Trátase dun...
16 enero, 2026
O Concello de Zas presentará este sábado, 17 de xaneiro, a súa nova páxina web municipal, que pasará a estar dispoñible no dominio...
15 enero, 2026
O Concello de Zas, a través da área de Cultura, inaugura este venres, 16 de xaneiro, unha nova exposición no Centro Sociocultural ...
14 enero, 2026
O Concello de Zas pon en marcha esta semana unha campaña integral de recollida e reciclaxe de envases de vidro dirixida ao sector ...
Logo concello de zas colorido
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.