desplegable S. Cultural Zas 2018 b

A Semana Cultural trae obradoiros, talleres, cursos e diversión para todos os públicos

  • Baile tradicional, decoración, cociña, fotografía,… son algunhas das temáticas das actividades programadas para estes días
  • Polas noites haberá propostas en clave de humor como os monólogos “Dura Lex”, “Como ser un armario empotrado” de Marcos Pereiro, ou a obra de teatro “Sénior” de Luís Iglesia e Marcos Orsi

 

Hoxe arranca unha nova edición da Semana Cultural que, un ano máis, trae unha morea actividades para todos os gustos e para todos os públicos. A programación, posta en marcha polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura, culminará cunha das festas que forman parte da nosa identidade: a XXXV Festa da Carballeira. “Deseñamos unha programación variada, aberta e gratuíta e que dende hai once anos nos converte no referente cultural de toda a comarca”; manifesta Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura de Zas.

A primeira das citas é hoxe, ás 21:00 horas, no Auditorio de Zas. E para comezar nada mellor que facelo cos da casa. Así, o grupo Sen Tempo Teatro – da Escola Municipal de Teatro para Adultos do Concello de Zas –  representará a súa nova obra de teatro “Sábado, sabadete…” que nos arrancará risas durante toda a función (Auditorio de Zas).

Xa mañá luns comezará de cheo a programación que se alonga durante toda a semana. Dende a mañá ata a noite haberá actividades para toda veciñanza.  Os máis novos terán a oportunidade de participar gratuitamente en distintos obradoiros infantís nos que traballarán sobre a pasta de modelar, a cociña a través dos xeados saudables, os complementos e incluso sobre a ciencia. Eles tamén a oportunidade de desfrutar a través de música e diso escargaranse Pablo Díaz (que lles presentará o seu traballo “Tic, tac, toc, canta comigo” o martes, 31 de xullo, ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas) e Paco Nogueiras co seu espectáculo “Radio Bulebule” (mércores, 1 de agosto, ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas). Dentro das actividades para os máis miúdos tamén haberá outras propostas como a sesión de contacontos “Mar Adiante”, de Bandullo Azul, (xoves ás 12:00 horas). Xa o venres ás 12:00 horas o Circo do Chosco virá co seu “Riscando o Ceo”; un espectáculo de humor, circo, maxia e equilibrio.

O público adulto será unha parte moi importante da programación desta Semana Cultural. Para eles haberá un taller de fotografía creativa e actual (luns e martes de 17:00 a 20:00 horas); un curso de iniciación á percusión e ao baile tradicional (de luns a venres de 17:00 a 18:00 horas); e un obradoiro de decoración con bastidores (mércores e xoves de 18:00 a 20:00 horas).

Tamén haberá tempo para coñecer o concello a través de dous roteiros. O primeiro será unha visita ao patrimonio arqueolóxico do Concello de Zas – que consiste nun percorrido guiado por Pedra Vixía, Arca da Piosa e Brandomil que será o martes, 31 de xullo, pola tarde -. E o segundo será unha observación astronómica na Arca da Piosa guiada por Jorge Mira. Para esta observación, que será o mércores 1 de agosto, sairase en autobús ás 22:00 horas do Centro Sociocultural de Zas, onde un pouco antes (ás 21:15 horas) terá lugar a presentación do libro “Na procura da noite: Fotografando o ceo nocturno” editado pola USC e coordinado por Jorge Mira e na que unha das coautoras é a fotógrafa Ana García.

Para participar en calquera destas actividades, é necesario anotarse previamente a través dos números de teléfono 981 718 056 ou 981 751 398 ou no Centro Sociocultural de Baio ou no de Zas. A inscrición é gratuíta.

As actividades para os adultos continuarán xa entrada a noitiña nas que a risa será un elemento moi importante. A primeira das propostas é o luns (ás 21:30 horas no Auditorio do Concello) co monólogo “Dura Lex” de Pepe Penabade, Carlos Santiago e Comba Campoy – de Volta e Dálle Teatro -. As risas continuarán o martes da man do humorista Marcos Pereiro que trae a Zas o seu monólogo “Como ser un armario empotrado” que comeza ás 21:30 horas no Centro Sociocultural de Zas. E xa o xoves, o Auditorio de Zas recibirá a visita de Marcos Orsi e Luís Iglesia que nos traen a súa obra de teatro “Sénior”, na que dunha forma cómica afondan sobre a crise dos 50 e sobre cando se abandona a madurez para pasar formar parte do grupo de poboación denominado “Sénior”. A entrada é e balde ata completar aforo e a cita comeza ás 21:30 horas.

Tamén como vén sendo habitual, o Centro Sociocultural de Zas acollerá durante estes días as exposicións dos XXXV Anos da Carballeria e dos traballos de manualidades, bordado e tapicería realizados polo alumnado dos cursos municipais. Poderán visitarse todos os días en horario de 17:00 a 20:00 horas.

O venres á noite e o sábado durante todo o día e parte da noite a actidade trasládase á Carballeira de Velar onde se celebrará a XXXV edición da Festa da Carballeira na que a música folk e unha contorna máxica serán os principais ingredintes. Para poñer en marcha toda esta actividade, o Concello de Zas conta coa colaboración de entidades como a Deputación da Coruña e outras locais como o grupo de teatro Badius, a Asociación de Baile Tradicional Churía e a Asociación Cultural Castro Meda.

Na ligazón que aparece ao final desta nova podedes descargar o programa completo.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

15 marzo, 2026
O Concello de Zas presentou hoxe, sábado 14 de marzo, a programación cultural das Torres do Allo para o ano 2026, unha proposta qu...
14 marzo, 2026
O Concello de Zas aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal municipal, un documento clave para a o...
10 marzo, 2026
O Concello de Zas abre o prazo de inscrición para participar na IX Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”, unha cita cultural...
1 marzo, 2026
O Concello de Zas organiza un compendio de actividades nos centros educativos da localidade no marco da conmemoración do 8M, Día I...
26 febrero, 2026
O Centro Sociocultural de Zas acollerá o vindeiro venres, 6 de marzo, a partir das 12:00 h, o presentación da campaña contra a ves...
25 febrero, 2026
O Centro Sociocultural de Baio acollerá o vindeiro sábado, 28 de febreiro, ás 18:30 h, a inauguración da mostra fotográfica e de p...
Logo concello de zas colorido
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.