Concello de Zas

O Concello de Zas reclama solucións ante os problemas da rede de telefonía móbil en Baio

O Concello de Zas vén de realizar as denuncias e reclamacións pertinentes ante as administracións competentes para reclamar unha solución urxente aos problemas que está a experimentar a rede de telefonía móbil en diferentes puntos de Baio.

As incidencias, que afectan usuarios de distintas compañías, están a prolongarse durante varios días e están a provocar importantes dificultades tanto para realizar chamadas como para utilizar os servizos de datos móbiles. A situación tamén está a afectar ao funcionamento dos datáfonos dos establecementos comerciais, así como ao acceso a internet.

Desde o Concello consideran especialmente preocupante que estas deficiencias se estean producindo nunha zona cunha importante actividade comercial como Baio, onde unha correcta cobertura de telefonía e internet resulta fundamental para o funcionamento diario dos negocios e para a veciñanza.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, sinala que “non pode ser que levemos varios días con problemas na liña, con dificultades para utilizar os datáfonos, cos propios móbiles sen poder realizar chamadas e cun acceso a internet moi deficiente”.

“En pleno século XXI isto non pode pasar. É inadmisible, e máis nunha zona moi comercial como é Baio, onde estes problemas están a causar importantes prexuízos tanto aos establecementos como á veciñanza”, engade o rexedor.

O Concello xa trasladou esta situación a Amtega, departamento da Xunta de Galicia con competencias nesta materia, para que se poida identificar a orixe das incidencias e impulsar, no ámbito das súas competencias, as actuacións necesarias para acelerar a súa solución.

Do mesmo xeito, o Concello tamén presentou unha denuncia ante a Dirección General de Ordenación de los Servicios de Digitalización y de Comunicación Audiovisual do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, pola existencia dunha “incidencia colectiva grave na rede de telefonía móbil”, que está a afectar usuarios de diferentes compañías operadoras en Baio.

Na denuncia, o Concello pon estes feitos en coñecemento do Ministerio e reclama que se adopten as medidas necesarias, ao abeiro do establecido na Lei 9/2014, do 9 de maio, Xeral de Telecomunicacións, ante o que considera unha situación que está a provocar unha afectación grave e prolongada do servizo. Así mesmo, insta ás compañías operadoras a restablecer a normalidade no servizo coa maior urxencia posible.

Desde o Concello lembran que a Administración municipal non ten competencias sobre as redes e os servizos de telefonía, polo que corresponde ás administracións competentes, tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central no ámbito das súas respectivas competencias, reclamar ás compañías operadoras as actuacións necesarias para garantir a correcta prestación do servizo.

“Desde o Concello imos facer todas as xestións que estean na nosa man para que as compañías dean unha resposta e se restableza canto antes un servizo que hoxe é básico para calquera persoa ou negocio”, conclúe Manuel Muíño.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

11 septiembre, 2026
O histórico conxunto das Torres do Allo, considerado o pazo máis antigo de Galicia, pecha a súa campaña de verán de 2026 cun balan...
31 agosto, 2026
As Torres do Allo acolleron hoxe unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, unha cita que volveu reunir artesás e art...
29 agosto, 2026
Este domingo, 30 de agosto, celébrase no Campo Municipal de San Andrés a XXXV edición do Trofeo Concello de Zas, unha cita que xa ...
20 agosto, 2026
O Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte, impulsado integramente polo Concello de Zas, acaba de superar o proceso de av...
17 agosto, 2026
O Concello de Zas celebrará o domingo 30 de agosto unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, que terá como escenario...
14 agosto, 2026
O Concello de Zas rematou as obras de consolidación e posta en valor do Camiño Real, antiga calzada romana de Brandomil, nunha int...
Logo concello de zas colorido
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.