Visita Teatralizada Os Quinquilláns

O Concello de Zas pecha un verán histórico nas Torres do Allo con máis de 4.500 visitantes e consolídanse como o gran referente cultural da Costa da Morte

O histórico conxunto das Torres do Allo, considerado o pazo máis antigo de Galicia, pecha a súa campaña de verán de 2026 cun balance extraordinario.  No que vai de ano, as Torres do Allo acadaron xa os 6.514 visitantes, consolidándose como un dos principais recursos patrimoniais e turísticos da Costa da Morte sendo a porta de entrada para as persoas que nos visitan.

O alcalde destaca que estes datos son froito dunha aposta que combina a conservación e posta en valor do patrimonio, a atención continuada aos visitantes e unha programación cultural estable e diversa, pensada para achegar o monumento tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a comarca.

Un dos datos máis salientables desta campaña estival foi a elevada afluencia rexistrada tamén durante os días laborais. As Torres do Allo mantiveron unha importante chegada de visitantes de luns a venres, confirmando o seu papel como un dos puntos de interese para as persoas que percorren a Costa da Morte. Neste sentido, o alcalde salienta especialmente a decisión de manter o monumento aberto os sete días da semana, convertendo as Torres do Allo no único espazo museístico da Costa da Morte que mantén a súa apertura os luns. Esta circunstancia permite captar parte do fluxo de viaxeiros que percorren a comarca ao comezo da semana e que atopan pechada unha parte importante da oferta cultural e museística doutros municipios. Manter esta apertura durante toda a semana supón un importante esforzo económico para o Concello, que aposta por ofrecer un servizo turístico continuado e facilitar o acceso ao patrimonio durante toda a campaña.

O dinamismo das Torres do Allo responde a preocupación do goberno municipal por ter unha axenda cultural diversificada que conxuga divulgación histórica, música, tradición oral e xogos en familia. Entre as principais iniciativas desenvolvidas destacan:

•            Campamentos infantís: Dende o 15 de xuño, 4 quendas de 70 nenos e nenas cada unha (preto de 300 prazas) encheron ás mañás do pazo de animación e xogos.

•            Música de cámara con «Aida Piano Trío» (11 de xullo): Unha das grandes citas distinguidas do calendario estival, que congregou a amantes da música clásica na contorna monumental das Torres.

•            A Carriza, de Aantena Teatro: o proxecto achegou ao pazo diferentes propostas culturais, entre elas o contacontos A Carriza, con Yago Espasandín; un obradoiro artístico con Virginia Barros e Isa Barreiro a partir de lixo mariño recuperado nas limpezas realizadas pola Asociación Mar de Fábula; un obradoiro de regueifas con Lupe Blanco e unha loita de regueifeiros novos tamén da man da regueifeira.

•            Visitas teatralizadas: As representacións dos Quinquilláns contaron coa asistencia de case 200 persoas, achegando a historia e personaxes do pazo dun xeito didáctico e divertido, considerando que por motivos de saúde houbo que cancelar este tipo de visitas case durante un mes.

•            Escape Room «O Caso Riobóo»: Un dos grandes atractivos do verán, que nesta edición estreou nova narrativa e dinámica de retos, atraendo a máis de un cento de mozos e familias.

•            Xogo de pistas «O legado de Francisca»: Unha proposta interactiva pensada para o público familiar que permitiu a pequenos e maiores descubrir os recunchos e historias agochadas do conxunto pacego de forma divertida e autónoma.

•            Visitas guiadas convencionais: realizáronse visitas guiadas gratuítas  a  un total de 408 visitantes durante os meses de xullo e agosto.

•            Romaría do San Ramón (30 de agosto): O tradicional broche de ouro da tempada estival, que reuniu nunha soa xornada a centos de persoas entre veciñanza de Zas e visitantes chegados de toda a comarca e de Galicia.

A través desta programación, o goberno municipal continúa apostando polas Torres do Allo como espazo de encontro, divulgación e dinamización cultural, favorecendo a participación da veciñanza e reforzando ao mesmo tempo o seu atractivo como recurso turístico e unha das principais portas de entrada da Costa da Morte.

Os datos de procedencia dos visitantes confirman tamén a capacidade das Torres do Allo para atraer público máis alá do ámbito local e comarcal. Durante o verán destacou especialmente a presenza de visitantes procedentes doutras comunidades autónomas, con 1.504 persoas, unha cifra que evidencia o interese que o monumento esperta entre os viaxeiros que percorren Galicia. En agosto, o público nacional chegou a representar o 41,77 % do total das visitas, confirmando o importante peso do turismo estatal na afluencia ao monumento durante a tempada estival.

Neste mapa de orixes cómpre engadir tamén a pegada internacional con persoas chegadas de ata 15 nacionalidades diferentes. No ámbito europeo destacan Francia, Portugal e Alemaña. De fora de Europa, os visitantes máis numerosos proceden de Arxentina e do Brasil, constatando a crecente proxección das Torres do Allo.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

31 agosto, 2026
As Torres do Allo acolleron hoxe unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, unha cita que volveu reunir artesás e art...
29 agosto, 2026
Este domingo, 30 de agosto, celébrase no Campo Municipal de San Andrés a XXXV edición do Trofeo Concello de Zas, unha cita que xa ...
20 agosto, 2026
O Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte, impulsado integramente polo Concello de Zas, acaba de superar o proceso de av...
17 agosto, 2026
O Concello de Zas celebrará o domingo 30 de agosto unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, que terá como escenario...
14 agosto, 2026
O Concello de Zas rematou as obras de consolidación e posta en valor do Camiño Real, antiga calzada romana de Brandomil, nunha int...
11 agosto, 2026
O Concello de Zas lembra que remata o prazo para anotarse na actividade ‘Mirada ao firmamento dende o pasado’, que se celebrará es...
Logo concello de zas colorido
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.