As Torres do Allo acolleron hoxe unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, unha cita que volveu reunir artesás e artesáns e que durante toda a xornada combinou artesanía, música, tradición e actividades para todos os públicos.
Desde as 11:00 horas, as persoas que se achegaron ata as Torres do Allo puideron coñecer e adquirir produtos elaborados por 25 artesás e artesáns, nun mercado que se desenvolveu nun ambiente festivo e que contou coa presenza de público chegado tanto de Zas como doutros puntos do comarca.
“O Mercado de San Ramón é unha oportunidade para poñer en valor, ano tras ano, o talento e a creatividade das nosas artesás e artesáns, e tamén para desfrutar dun espazo tan especial como as Torres do Allo, o primeiro pazo de Galicia”, sinala o alcalde de Zas, Manuel Muíño.
A programación comezou pola mañá cun obradoiro de barro e coa loita de regueifeiros novos, conducida por Lupe Blanco, dentro do proxecto A Carriza de Aantena Teatro, dúas propostas que achegaron a creación artesanal e a tradición oral ás persoas participantes.
Ás 14:00 horas chegou un dos momentos máis concorridos da xornada coa sesión vermú da Charanga Tradicional Benofán. A continuación, a polbeira permitiu prolongar o ambiente festivo nas Torres do Allo.
Durante a tarde continuaron as actividades, especialmente pensadas para gozar en familia. Os máis pequenos participaron nos xogos infantís no xardín e, ás 18:00 horas, Brais das Hortas levou ata as Torres do Allo o seu espectáculo “Consertasso na Horta”.
Ao longo do día tamén se puideron ver outras propostas, como a demostración de fabricación de pandeiros de O Triskel de Vicente ou o xogo de pistas, que completaron a programación desta edición.
O Mercado de San Ramón rematou coa visita teatralizada de Os Quinquilláns, poñendo o punto final a unha xornada na que as Torres do Allo volveron converterse nun punto de encontro arredor da artesanía e da música.
“É un orgullo para o Concello organizar este evento e comprobar a acollida que ten. Cada ano vemos como o Mercado vai medrando e converténdose nunha cita máis asentada no calendario, polo que queremos agradecer especialmente a participación das artesás e artesáns e de todas as persoas que se achegaron hoxe ata as Torres do Allo”, conclúe Manuel Muíño.




