Proxecto investigación Jorge Reyes

Cabana, Laxe e Zas presentan de forma conxunta un recurso de reposición e reforzan unha posición institucional unitaria fronte ao proxecto mineiro ‘Jorge Reyes’

Os concellos de Zas, Laxe e Cabana de Bergantiños veñen de presentar de forma simultánea e coordinada un recurso de reposición contra o acordo de autorización do permiso de investigación mineira ‘Jorge Reyes’, outorgado pola Xunta de Galicia.

A actuación conxunta dos tres concellos constitúe unha resposta institucional de carácter coordinado, ao tratarse dun recurso único no que se comparte argumentación xurídica, técnica e territorial. Esta unidade responde á existencia dunha afección continuada e interconectada sobre os tres termos municipais, que non pode ser analizada de forma illada.

O recurso subliña que a cuadrícula mineira autorizada constitúe unha actuación continua con efectos acumulativos sobre a realidade física, urbanística, ambiental e socioeconómica dos tres municipios, polo que a súa análise require unha visión territorial conxunta. Ademais, detéctanse diverxencias relevantes entre a cartografía mineira empregada no expediente e outras fontes oficiais como o Plan Básico Autonómico ou a cartografía catastral, o que afecta á delimitación real das zonas potencialmente impactadas e á identificación de parcelas concretas e usos existentes.

Afección diferenciada por concellos

No caso de Cabana de Bergantiños, a documentación evidencia unha cuestión singular: o Plan Básico Autonómico non identifica cuadrícula mineira equivalente no termo municipal, a pesar de que o permiso o inclúe como zona afectada. Esta circunstancia obriga a unha motivación reforzada da súa inclusión e á identificación precisa das parcelas e actuacións previstas. Ademais, o recurso destaca a posible afección ao Dolmen de Dombate, Ben de Interese Cultural, cuxa protección inclúe non só o xacemento, senón tamén a súa contorna e percepción paisaxística. Por este motivo, advírtese da necesidade dunha análise patrimonial específica previa e dun informe expreso de compatibilidade por parte do órgano competente en patrimonio cultural.

En Laxe, o recurso sinala que a cuadrícula mineira se proxecta sobre zonas de uso forestal e rural, con presenza de infraestruturas locais, camiños e parcelas privadas, sen que exista unha análise suficientemente individualizada da compatibilidade urbanística e ambiental. Advírtese tamén da superposición con usos reais do solo e da falta de correspondencia clara entre a cuadrícula e a realidade catastral.

En Zas, a cuadrícula afecta a unha contorna de elevada sensibilidade arqueolóxica, con presenza de varias mámoas catalogadas, entre elas a Mámoa do Couso do Monte, Mámoa de Suacosta, Mámoa de Tras da Senra e Mámoa do Alto do Pedroso. O recurso advirte especialmente da situación da Mámoa de Tras da Senra, onde parte dos traballos previstos poderían situarse dentro da súa zona de protección integral, o que require unha avaliación patrimonial previa e exhaustiva antes de calquera actuación.

Recurso conxunto

Os tres concellos subliñan que esta actuación conxunta responde a unha situación excepcional, na que a magnitude da afección territorial fixo necesaria unha resposta institucional coordinada e plenamente aliñada.

Non se trata dunha suma de actuacións individuais, senón dun posicionamento único e compartido, tanto na estratexia xurídica como na interpretación técnica do expediente, co obxectivo de garantir a protección do territorio, do patrimonio e da seguridade da veciñanza.

Os tres gobernos locais reiteran o seu compromiso coa defensa do interese xeral da cidadanía, a protección do medio natural e a preservación do patrimonio cultural e paisaxístico, así como a súa vontade de manter unha coordinación permanente durante todo o procedemento administrativo.

Comparte en redes

Últimas novas publicadas

9 julio, 2026
Os alcaldes Cabana de Bergantiños, José Muíño; de Laxe, Francisco Charlín; e de Zas, Manuel Muíño, mantiveron unha reunión co dire...
7 julio, 2026
O Concello de Zas iniciou as obras de consolidación da calzada romana de Brandomil, unha nova actuación encamiñada á conservación ...
26 junio, 2026
O Concello de Zas e a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos recolleron máis de 1.200 recursos de reposición nos que se solicit...
25 junio, 2026
O Concello de Zas presenta a súa programación de actividades para o verán 2026, unha completa oferta de propostas dirixidas a neno...
19 junio, 2026
Un total de 124 nenos e nenas participarán nos Campamentos de Verán 2026 organizados polo Concello de Zas, unha cifra que confirma...
12 junio, 2026
Os alcaldes de Cabana de Bergantiños, Laxe e Zas manterán a vindeira semana unha reunión de traballo co obxectivo de coordinar pos...
Logo concello de zas colorido
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.