O Concello de Zas celebrou un ano máis o Entroido cunha ampla programación lúdica e cultural dirixida a todos os públicos, na que o tradicional concurso de disfraces, celebrado este martes 17 de febreiro no Polideportivo de Zas, volveu converterse no acto central das festas.
O desfile repartiu un total de 2.600 euros en premios, unha das contías máis destacadas da comarca, consolidándose como unha referencia do Entroido na Costa da Morte. Centos de persoas achegáronse ao Polideportivo para gozar dunha xornada chea de cor, creatividade e diversión.
A programación arrancou ás 17:00 horas cunha proposta especialmente pensada para o público infantil, con inchables, maquillaxe e xogos, ademais das actuacións de Duende Circo e DJ Rokiño, que animaron a tarde e prepararon o ambiente para o gran desfile.
O concurso de disfraces comezou ás 19:00 horas, convertendo o recinto deportivo no epicentro do Entroido municipal. O certame contou con varias categorías. Nas categorías infantís, A (0 a 5 anos) e B (6 a 14 anos), repartíronse premios de 200, 150 e 100 euros para os tres primeiros postos, que foron para Medusas, Sirenas e Marcianas, na categoría A; e para Nin rato nin rata, Cabeza Monta e domador Caracol, na categoría B.
Na categoría C, destinada a persoas maiores de 15 anos, entregáronse premios de 300, 200 e 100 euros a Zapalatas, Chamán e Outono Máxico respectivamente.
Ademais, a categoría de Grupos e Comparsas, contou con premios de 400, 300 e 200 euros, destacando pola alta participación e polo nivel de elaboración das propostas presentadas. Os gañadores foron para Douche ca bara, Cheo de Moscas, e Payasos Justicieiros.
O concurso completouse co Premio Especial ‘Zaschoqueiro’, dotado con 200 euros, que recoñeceu o personaxe máis peculiar, orixinal e estrafalario do desfile e que nesta ocasión foi para Vaqueiro gandeiro.
O alcalde, Manuel Muíño, destacou a elevada participación e o ambiente festivo vivido durante toda a xornada, agradecendo a implicación da veciñanza. “O Entroido de Zas é xa unha cita imprescindible no calendario festivo do noso concello. Seguimos apostando por un modelo participativo, pensado para todas as idades e que dinamiza a vida social e cultural do municipio”, sinalou.


















