O Concello de Zas reabrirá este domingo, 5 de abril, o Estadio Municipal de Baio, Platas Reinoso, tras completar un ambicioso proceso de mellora e modernización das instalacións deportivas municipais, que supón un antes e un despois para o deporte no municipio.
O acto de inauguración comezará ás 17:00 horas cun partido das categorías inferiores do Club Deportivo Concello de Zas. Posteriormente, ás 18:30 horas, disputarase un partido amigable no que participará un combinado de veteranos do CD Baio e do Sporting Zas, que se enfrontará a xogadores do equipo sénior de ambos clubs.
Esta reapertura enmárcase dentro dunha estratexia municipal clara de aposta polo deporte como eixo fundamental de desenvolvemento social, saúde e dinamización da vida local. Nos últimos anos, o Concello leva investidos un total de 800.000 euros en diferentes actuacións destinadas a mellorar e actualizar as infraestruturas deportivas, unha cifra que sitúa a Zas entre os concellos que máis esforzo económico realizan neste ámbito na Costa da Morte.
Os traballos realizados abranguen a renovación integral do céspede dos dous campos municipais de fútbol. No caso do Estadio Municipal de Baio, Platas Reinoso, instalouse un céspede de última tecnoloxía, situando esta instalación á vangarda das infraestruturas deportivas da comarca.
Ademais, acometéronse diversas obras de acondicionamento e mellora nos espazos anexos aos campos de fútbol, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións máis cómodas, accesibles e funcionais tanto para os clubs como para a veciñanza usuaria. O investimento municipal tamén se estendeu aos dous pavillóns municipais, onde se levaron a cabo actuacións de gran relevancia, como o cambio das cubertas en Baio e Zas.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, puxo en valor o esforzo realizado polo Concello: “Estamos a falar dun investimento de 800.000 euros, unha cantidade moi importante para un concello como o noso, que reflicte o compromiso firme e decidido co deporte e coa mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”.
Muíño destacou tamén o impacto destas actuacións a nivel comarcal: “Hoxe podemos dicir con orgullo que contamos cos mellores campos da Costa da Morte. O Platas Reinoso ten o último en céspede e sitúase como unha referencia para clubs e deportistas de toda a contorna”.