Centro de Saúde Dr. Manuel Pérez Maroño. Este é o novo nome do consistorio de Baio co que o Concello de Zas e a veciñanza queren renderlle homenaxe a don Manolo, o médico de familia da vila que exerceu a profesión durante máis de 40 anos cando as condicións e os medios eran escasos.

Foi un acto cheo de emotividade e con moita carga simbólica. “Hoxe hai 20 anos que nos deixou”, sinalou o seu fillo Braulio Pérez Astray e autor do libro “Médicos e medicina rural na Costa da Morte. A figura do doutor Manuel Pérez Maroño”. Definiuno como un “traballador incansable” e deulles grazas a todos os veciños e a toda Corporación Municipal do Concello de Zas por facer que “este centro de saúde, polo que tanto loitou, leve o seu nome”.
Foron precisamente os tres grupos que forman a Corporación Municipal de Zas os que sacaron adiante esta iniciativa nunha moción conxunta aprobada no Pleno Ordinario do pasado 28 de marzo. E entre o público asistente ao acto, no que había unhas 100 persoas, atopábase tamén unha boa parte dos representantes municipais xunto con familiares de Maroño e veciñanza.

“Se hoxe estamos aquí rendéndolle homenaxe a don Manolo é porque temos un centro de saúde recén reformado grazas á vontade da Asociación de Veciños Tabeirón, que é a propietaria deste edificio emblematico”; sinalou o Alcalde, Manuel Muíño. O Concello de Zas, xunto coa Consellería de Sanidade, levou a cabo a reforma integral do consistorio cunha importante ampliación das súas instalacións. Muíño, que se emocionou en varios momentos da súa intervención ao recordar algunhas das anécdotas de Manuel Pérez Maroño, destacou a figura do médico e tamén a de Agra Regueiro, a quen se lle adica o nome deste emblemático edificio. “Foron dous homes de ciencia; que pelexaron respectivamente pola mellora da educación e da sanidade”, indicou Muíño.
Durante o acto tamén interviu Alfonso Villar López, presidente da Asociación de Veciños Tabeirón no momento en que cederon unha parte das instalacións ao Concello de Zas para a construcción dun centro de saúde para a vila aló polos anos 90. Villar aproveitou a ocasión para destacar que “o novo nome do centro de saúde fai honra a don Manolo por todo o seu compromiso pola mellora continua dos servizos”.
Santiago López Blanco, profesor no colexio de Baio durante os anos 70, fíxose amigo de Manuel Pérez Maroño despois de levar un estudante á súa consulta. Sorprendeulle a súa cercanía e tamén aproveitou a súa intervención para loar a figura de don Manolo e contar algunha anécdota vivida con el. Rematou dando os parabéns ao Concello de Zas e á vila de Baio “porque un pobo que recoñece ás súas persoas hónrase a sí mesmo”.
Manuel Barral, médico de familia e ex-Alcalde de Cabana de Bergantiños, coñeceu a Manuel Pérez Maroño durante os cursos de formación continua de médicos rurais que se celebran en Baio e dos que foi promotor. “En Baio impartíase cátedra. Ata aquí viñan algúns dos mestres máis relevantes da Universidade a impartir clases”, sinalou Barral durante a súa intervención. “A súa cercanía, o seu trato e a súa dispoñibilidade foi o que máis me chamou a atención del”, destacou Barral. E tamén aproveitou para recordar as épocas nas que don Manolo pasaba consuta onde os medios eran case inexistentes.

Durante o acto de homenaxe ao Dr. Manuel Pérez Maroño tamén interviu Juan Gestal Otero, Catedrático Emérito da USC e que colaborou co médico de Baio en múltiples ocasións. “Exerceu nunha época de grandes necesidades e carencias e sen horarios” sinalou Gestal a quen definiu a don Manolo e aos médicos do rural como auténticos “heroes silenciosos”.
O acto rematou co descubrimento da placa que dende onte loce na entrada do consistorio “Centro de Saúde Dr. Manuel Pérez Maroño”.