O Concello de Zas organiza o próximo 13 de agosto, xoves, unha actividade que xa é un clásico dentro da programación do verán na Costa da Morte. Esta actividade ‘Mirada ao firmamento dende o pasado’, é unha proposta que une patrimonio arqueolóxico e divulgación científica a través dunha experiencia de observación astronómica nun dos espazos máis emblemáticos do municipio: o Dolmen da Arca da Piosa.
A actividade estará guiada polo prestixioso divulgador científico Jorge Mira e dará comezo ás 22:00 horas, con saída desde Santa Sía de Roma. Desde alí, as persoas participantes realizarán unha camiñada duns dous quilómetros, de dificultade baixa, ata chegar ao dolmen, onde se desenvolverá a sesión de observación e interpretación do ceo nocturno. Ao remate da mesma, no espazo do dolmen, haberá un espectáculo teatral e de luces.
Desde a organización recoméndase ás persoas asistentes levar roupa de abrigo, lanterna e unha manta para deitarse, co fin de gozar da observación nas mellores condicións. A participación é gratuíta, pero require inscrición previa, que poderá realizarse a través do formulario en liña ou chamando ao teléfono 981 751 398.